Baiona inaugura un poema visual de David Fernández Rivera na rúa Carabela Pinta

Este luns tivo lugar a inauguración do poema visual “Infinito” do poeta vigués David Fernández Rivera na fachada do multiusos Ángel Bedriñana, na rúa Carabela Pinta, unha actividade organizada pola Concellería de Educación do Concello de Baiona, enmarcada dentro do Ano da Lingua da Deputación de Pontevedra e que contou coa colaboración de G.A.G. Plataformas para a instalación do poema na fachada.

“Infinito” é un dos poemas máis representativos da creación máis recente de Rivera, unha poesía que deixa de lado o verso para penetrarse completamente no poder da imaxe, o trazo e a cor. Esta vez non é a primeira que David Fernández Rivera funde de modo permanente as súas creacións coa paisaxe e a arquitectura doutros municipios galegos.

Con este acto o artista e pedagogo clausura o percorrido que realizou por todos os centros educativos da vila co seu “Proxecto Caligrama 2000”, unha iniciativa que busca facer viaxar aos alumnos do terceiro ciclo de educación primaria cara ao corazón da poesía visual a través de diversas actividades de interpretación, exploración e experimentación.

De feito, á inauguración asistiron todos e cada un dos infantes que participaron nesta dinámica, quen colaborou dun modo moi activo no acto ofrecendo as súas impresións sobre a experiencia vivida xunto ao pedagogo vigués. Unha cerimonia na que tamén estiveron presentes o alcalde, Ángel Rodal, quen fixo manifesta a súa vontade de seguir apoiando este tipo de iniciativas, o concelleiro de Educación, Policarpo Vilar, e a directora do CIM, Elena Otero.

Os alumnos agradeceron ao Concello a oportunidade de darlles a coñecer este tipo de manifestación poética a través do labor educativo de David Fernández Rivera, a quen lle dedicou unhas emotivas e ilusionantes palabras: “El foi capaz de facernos caer na conta dos moitos significados ocultos que unha imaxe pódenos evocar. Poderiamos dicir que nos cambiou a maneira de mirar. Fíxonos sentir protagonistas desta nova aprendizaxe, descubrindo as múltiples perspectivas que nos ofrece o poder da imaxinación”; “A poesía é infinita, atópase en todas partes e estamos cheos dela. A poesía hai que vivila…”

Así mesmo, ao final da celebración, o alcalde fixo público o fallo e entregou o premio do Concurso Interescolar de Poesía Visual Cidade de Baiona, un certame impulsado por Rivera coa vontade de incentivar a creación deste tipo de manifestación poética entre os pequenos de Baiona. Segundo expuxeron o alcalde e o poeta, quen foi o presidente do xurado, o concurso estivo moi rifado dada a calidade dos poemas visuais presentados por todos os centros educativos de Baiona, do que resultou gañador o poema “Xuntos” da clase de 6ºB do CPI Cova Terreña. Para finalizar, Ángel Rodal fixo entrega a David Fernández Rivera dun detalle en recoñecemento ao seu labor educativo e cultural, como recordo dos momentos vividos polo poeta e educador no municipio.

Son xa moitos anos os que David Fernández Rivera leva reivindicando de modo infatigable, tanto nas aulas de Galicia como a nivel nacional, a necesidade de estimular aos pequenos a través da poesía visual coas máis diversas iniciativas.