Exipto, gran protagonista do Belén en movemento de Gondomar

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // "Nando" xunto co Belén de máis de 40 metros cadrados.

Gondomar inaugurou este luns o gran Belén artesanal en movemento que por terceiro ano consecutivo ocupa o corredor lateral do Auditorio Lois Tobío. A espectacular recreación do Nacemento de Xesús está elaborada por Fernando Fernández Penedo, máis coñecido como «Nando”, natural de Baiona aínda que na actualidade veciño da parroquia gondomareña de Borreiros. Comezou a montaxe do Belén a mediados do mes de novembro e durante seis días dedicou entre 10 e 13 horas diarias á súa construción. Os materiais que o compoñen son reciclados, e grazas aos máis de 100 motores reutilizados de microondas e máis de 600 metros de cableado consegue que os personaxes cobren vida.

Ocupa 44 metros cadrados, 24 de longo por 2 de ancho, e conta cunhas 110 figuras en movemento dun total de 500 aproximadamente. Este ano está dedicado principalmente a Exipto, con pirámides, esfinxes, o porto ou un gran faro. Multitude de detalles con edificacións, fontes, río, pousada, carpinteiros, ferreiros, panadeiros, oleiros, canteiros, lavandeiras, pescadores, un muíño de vento e outro de auga, un mercado e ata a ponte románica da Ramallosa, así como unha infinidade de animais, elefantes, cabalos, bois, vacas, porcos, galiñas, camelos, tigres… Non falta por suposto o pesebre e os tres Reis Magos.

Nando leva máis de 20 anos como afeccionado belenista. O seu primeiro Belén ocupou unha mesa de 80×80, e tras triplicar o seu tamaño xa o segundo, co paso dos anos chegou a ocupar os 20 metros cadrados do seu garaxe. Desde fai tres anos, e a petición do alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, o Nacemento trasladouse ao Auditorio Lois Tobío, para que veciños e visitantes puidesen contemplalo e gozalo. Este non é o único Belén que confecciona, tamén prepara o gran nacemento que ano tras ano se expón no Centro Sociocultural de Valladares, e desde o ano pasado, tamén o do Mercado de Teis.

O acceso é libre e gratuíto en horario de mañá entre as 11:00 e as 13:45 horas e en horario de tarde, entre as 17:00 e as 21:15 horas, de luns a domingo, ata o día 6 de xaneiro que se clausurará. O Belén permanecerá pechado os días 25 de decembro, 1 e 6 de xaneiro en horario de mañá, pola tarde permanecerá aberto.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Anuncios