Nigrán substituirá o asfalto do núcleo de Chandebrito por pedra e mellora o alumeado

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // Obras de mellora do alumeado público na parroquia de Chandebrito.

O Concello de Nigrán está actualmente a desenvolver obras de mellora do alumeado público na parroquia de Chandebrito por valor de 38.926 € (Pracíns, Barreira e Rúa Igrexa). Ademais, nunha segunda fase e tras soterrar o cableado, o Concello acondicionará o núcleo rural da rúa da Igrexa substituíndo o firme de aglomerado actual por lastra de pedra, obra cun custe de 60.350 € que ten como obxectivo destacar o valor etnográfico da contorna e, ao mesmo tempo, manter e conservar os viarios. Estes dous traballos forman parte do Plan Concellos 2016 e 2018 e estarán finalizados a inicios de ano.

En concreto, o Concello instalará novos puntos de luz LED e novos báculos de aceiro inoxidable no Camiño da Igrexa, Barreira, Pracíns e o núcleo da parroquia, toda ela cun alumeado deficitario de vapor de sodio e xa moi anticuado. Tal e como xa se fixo en todo o centro urbano, a nova medida supoñerá reducir a potencia de consumo entre o 51% e o 80%, o que ao mesmo tempo implica diminuír as costas de funcionamento das instalacións de alumeado público e, sobre todo, permitiralle ao Concello optimizar o gasto enerxético neste ámbito. «Supoñen tamén un cambio de imaxe, xa que substituirán aos vellos postes de madeira e o cableado irá soterrado, tal e como se está a facer en todas as obras novas», incide o alcalde, Juan González.

A maiores, o Concello substituirá o aglomerado asfáltico do núcleo de Chandebrito (rúa da Igrexa) por lastra de pedra, mantendo así unha completa sintonía coa contorna e preservando o seu valor etnográfico de aldea tradicional única en todo o municipio. Estas obras, a cargo de Sixteca 2016, terán lugar unha vez concluídas as do alumeado e estarán finalizadas a inicios de ano. «Con este cambio de firme queremos potenciar o valor patrimonial desta contorna única en Nigrán e, ao mesmo tempo, desenvolveremos iniciativas para dala a coñecer», explica González.

Anuncios