Anuncios
Ticker de novas

Charla-obradoiro sobre a exploración mariña a bordo do Sarmiento de Gamboa en Nigrán

O Concello de Nigrán, dentro da súa programación como municipio da rede “Ciudad Ciencia”, ofrece este luns ás 19:00 horas no Auditorio Municipal a charla-obradoiro “Exploración mariña a bordo do Buque Oceanográfico Sarmiento de Gamboa: unha ollada ao plancto”, actividade pertencente ao proxecto “Ciencia en el Puerto”. Cunha duración aproximada de 75 minutos, está dirixida a público en xeral, preferiblemente a partir de 10 anos.

A actividade comezará cunha breve introdución a cargo de Luisa Martínez, responsable de Cultura Científica do CSIC en Galicia, que ofrecerá unha visión xeral da investigación mariña, da vida abordo e das peculiaridades de traballar nun barco. Posteriormente, a investigadora do Grupo de Ecoloxía e Bioloxía Mariña do Instituto de Investigaciones Marinas pertencente ao CSIC, Lara García, adentrarase nas campañas do Sarmiento de Gamboa que estudan os ovos e as larvas dos peixes.

Na segunda parte levarase adiante un obradoiro científico no que os asistentes poderán observar e coñecer a través de lupas binoculares, a algúns dos organismos que habitan os océanos e as rías, moitos dos cales inspiraron películas de ciencia ficción e animación.

O Buque Oceanográfico Sarmiento de Gamboa posúe o persoal científico e técnico e o equipamento e instrumental necesarios para abordar a exploración de todos os mares e océanos, chegando mesmo ata a Antártida. Esta instalación científica singular, contribúe á investigación mariña pioneira e multidisciplinar, empregando a tecnoloxía máis avanzada.

“Ciencia en el Puerto” conta co financiamento da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

Anuncios