Anuncios
Ticker de novas

Manifesto Miñor estuda o modelo de remunicipalización de servizos públicos en Cambrils

En xuño de 2015, as forzas progresistas de Gondomar CABE, Manifesto Miñor e PSOE, comprometéronse nun ilusionante pacto de goberno que lles comprometía a estudar a remunicipalización dos servizos municipais: augas, parques e xardíns e recollida de lixo.

“Lamentablemente nada se fixo neste sentido, máis ben ao contrario, desde a alcaldía, impulsouse un contrato de lixo con compañías privadas nun polémico concurso, que foi recorrido por dúas das empresas licitantes. Con posterioridade, a Consellería de Facenda paralizou a contratación ao admitir os recursos das empresas ao resultado deste confuso concurso”, lamenta Xosé Antón Araúxo.

“Manifesto Miñor, seguimos fieis á nosa palabra e compromisos asinados en xuño de 2015, e seguimos traballando na municipalización do Servizo de Recollida de Lixo en Gondomar. Consideramos que a escusa da alcaldía para retractarse dos seus compromisos non se axusta á realidade. Aducir que non é posible a subrogación dos traballadores destes servizos, e por tanto a remunicipalización, choca cunha realidade na que moitos concellos xa recuperaron o control dos servizos públicos, ou están en trance de remunicipalizalos”, afirma Araúxo.

Segundo o concelleiro de Manifesto Miñor, hoxe existen formulas legais, compatibles, coa xestión pública e coa prestación do servizo por parte do persoal con experiencia que viña desempeñando as súas obrigas laborais nas empresas privadas.

Para avanzar no obxectivo marcado no pacto de goberno, Manifesto Miñor, vai estudar o caso de Cambrils, concello en tamaño de poboación un pouco maior que Gondomar. O consistorio desta localidade decidiu comezar por xestionar de forma directa o servizo municipal de parques e xardíns e o da limpeza viaria, co propósito de aforrar máis de 250.000€ anuais ás arcas municipais.

Para este fin, o concelleiro Xosé Antón Araúxo ten concertadas esta semana dúas entrevistas, unha co concelleiro responsable de Servizos, Espazo Público e Medio Ambiente, Antonio Laguna, e outra cos responsables de Secomsa (Serveis Comarcals Mediambientals SA) que é a empresa pública que se encarga da limpeza e recollida de lixo en Cambrils, desde hai máis de dous anos.

“Un servizo propio, aberto á colaboración con outros concellos da comarca, para abaratar custes, ampliar e diversificar servizos non só é unha aposta por un modelo de xestión pública, senón tamén un modelo de eficiencia na xestión dos recursos públicos onde se poderían aforrar anualmente, máis de 150.000€, e disporíamos dun deseño propio na xestión do Punto Limpo”, conclúe Araúxo.

Anuncios