Anuncios
Ticker de novas

Ferreira cualifica de “turismo electoralista” a viaxe de Araúxo a Cambrils

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, anima a Xosé Antón Araúxo a “que veña cargado de ideas e que aprenda moito da súa viaxe a Cataluña, con todo, é unha mágoa que estas iniciativas non as tivese cando formaba parte do goberno nestes tres últimos anos”.

“O que vaia a Cataluña a buscar ideas de como remunicipalizar o servizo de RSU e como subrogar aos traballadores do servizo vén demostrar que non sabe do que fala, e dános a razón cando afirmamos que a remunicipalización deixaría en situación de desemprego a máis de once persoas, ao non poder pasar directamente ao corpo de funcionariado municipal. Se se preocupasen de Gondomar e menos de Cataluña, mellor iría aos gondomareños”, afirma o alcalde.

“Mentres uns e outros perden o tempo en paralizar Gondomar, este goberno segue comprometéndose a seguir traballando de maneira incansable, como o vimos facendo desde o primeiro día de mandato (un claro exemplo é a licitación do servizo de lixo e limpeza viaria que actualmente presta GESECO en precario durante máis dunha década), sendo este goberno quen iniciou os trámites para a regularización do servizo de acordo á Lei de Contratos do Sector Público, evitando así o pago de facturas con reparos de intervención”, engade Ferreira.

“Araúxo xa é a terceira ou cuarta vez que viaxa a Cataluña de turismo electoralista en busca de ideas desatinadas como a implantación dunha moeda única para Gondomar, os microcréditos persoais, etc., que en nada lles interesan e solucionan os problemas cotiáns dos gondomareños. Gondomar o que necesita son mellores dotacións, estradas e camiños, saneamento, iluminación, limpeza, sobre todo nas parroquias, un polígono industrial legalizado, un PXOM, un mercado local activo, zonas de lecer, aparcadoiro, etc…, xustamente o que preocupa a este goberno e no que ocupa o seu tempo, non como Araúxo, que no canto de traballar e arrimar o ombreiro, dedícase a poñer paus nas rodas e sen ningún tipo de achega construtiva a este goberno”, concluíu o alcalde.

Anuncios