Esgotadas en 24 horas as prazas para a cata de chocolate que se celebrará en Nigrán

Esgotadas en 24 horas as 80 prazas dispoñibles para participar no obradoiro “O chocolate, un pracer saudable con condicións”, que se celebrará o próximo 12 de decembro ás 19:00 horas no Auditorio Municipal de Nigrán organizado por Ciudad Ciencia. Ao día seguinte, a sesión será ás 10:00 da mañá para os alumnos e alumnas do CEIP de Mallón, centro educativo que tamén solicitou a actividade.

Aínda que millóns de persoas en todo o mundo consomen chocolate a diario, a maioría descoñece que este produto é valioso grazas ao cacao, o seu ingrediente principal. O descubrimento recente de que o cacao é rico en compostos como os polifenois (con propiedades antioxidantes e anti-inflamatorias) estimulou a investigación dos seus efectos beneficiosos sobre a saúde. Pero, é o mesmo o chocolate que o cacao? No obradoiro, investigadoras do Instituto de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos e Nutrición (ICTAN) do CSIC resolverán esta e outras cuestións relacionadas coas falsas crenzas ao redor deste alimento.

Durante a actividade repasarase a historia do cacao (foi o botánico Linneo quen clasificou a súa planta en 1741 e o seu proceso de transformación en chocolate). Tamén se explicará cales dos seus compoñentes poden ter un efecto beneficioso para o organismo segundo as evidencias científicas. “Todas as investigacións realizadas confirmaron que o cacao achega unha gran cantidade de compostos con propiedades cardioprotectoras e, por tanto, a súa inxesta pode axudar a protexer a nosa saúde cardiovascular”, aclara María Ángeles Martín, investigadora do ICTAN.

A parte práctica do obradoiro consistirá nunha cata de chocolates á que están convidados todos os asistentes. As investigadoras ensinaranlles a degustar cos cinco sentidos distintos tipos de chocolates e a apreciar a calidade de cada un deles polo seu aroma, tacto, sabor, aspecto e son ao partir as onzas.

Ciudad Ciencia (www.ciudadciencia.es), é un proxecto de divulgación científica cuxo fin é que os habitantes de localidades españolas coñezan de primeira man a actualidade científica e tecnolóxica. Nigrán é o segundo municipio galego que forma parte de Ciudad Ciencia, xunto con Cangas do Morrazo.

Anuncios