Anuncios
Ticker de novas

Os socialistas instan á Xunta a que remate cos recortes sanitarios na provincia de Pontevedra

O Grupo Socialista na Deputación de Pontevedra vén de sacar adiante unha moción que insta ao Goberno de Feijóo a que remate cos recortes sanitarios na provincia de Pontevedra que están a provocar graves déficits nos servizos de atención primaria e hospitalaria na provincia. Tanto o BNG como SON apoiaron a moción, na que o Partido Popular se abstivo.

En concreto, a moción solicita á Xunta de Galicia que realice un informe para coñecer a situación real na que se atopan os PAC en Pontevedra e na que tamén se insta a que os dote dos recursos técnicos e de persoal necesarios para atender ás necesidades da poboación.

Ademais, o grupo socialista pídelle a Feijóo que comprometa os cartos necesarios nos próximos investimentos para a execución das obras de mellora ou construción das infraestruturas sanitarias que xa están comprometidas, o que se traduciría na mellora de centros médicos, construción doutros novos ou dotación de servizos como ambulancias medicalizadas, que precisan diferentes concellos da provincia.

Reposición dos servizos de pediatría

Os socialistas solicitan, así mesmo, un compromiso da Xunta para a reposición dos servizos de pediatría que varios concellos da provincia perderon nos últimos meses, unha situación que xa se converteu en insostible. De feito o déficit destes profesionais fixo que a Xunta agrupara as consultas pediátricas de 47 concellos en apenas 23 ambulatorios, o que repercute nun déficit asistencial e obriga á poboación a longos desprazamentos.

Con respecto a este punto aceptouse a solicitude de SON de engadir unha emenda ao texto para solicitar á autoridade competente a ampliación do MIR de pediatría en Galicia, engadindo 10 novas prazas que servirían para reforzar os servizos de medicina infantil.

O mesmo acontece cos médicos que atenden nos PAC, denuncia o grupo socialista na moción, dándose casos nos que un só médico ten que atender a unha poboación aproximada de 20.000 persoas dos municipios da contorna. Por iso os socialistas instan ao goberno de Núñez Feijóo a darlle unha solución á precarización da sanidade na provincia que non pase por seguir alimentando os concertos coa sanidade privada e baleirando de servizos os hospitais comarcais, caso do Hospital do Salnés, dentro dun modelo hospitalocéntrico que condena á maior parte da poboación.

Anuncios