Anuncios
Ticker de novas

O Banco de Alimentos aproxímase aos 325.000 quilos de comida na súa sexta Gran Recollida Solidaria

A Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo aproxímase aos 325.000 quilos de comida recadados esta fin de semana coa súa sexta edición da Gran Recollida Solidaria (GRS2018). Aínda que a cifra de alimentos recibidos é provisional e non será ata dentro dunha semana cando se terá unha definitiva, para a ONG supón xa un éxito que agradece publicamente porque os quilos e quilos de solidariedade servirán para paliar necesidades básica de 25.000 persoas na provincia.

Desde a entidade ponse en valor a xenerosidade e a empatía demostrada pola cidadanía cos que non atravesan o seu mellor momento e congratúlase da resposta masiva ante a necesidade máis próxima que, lonxe de diminuír, mesmo, danse repuntes. O Banco de Alimentos recoñece de maneira especial a implicación e compromiso tanto do padriño, o actor e humorista, David Amor, como dos 2.000 voluntarios e voluntarias sen os que non se podería levar a cabo a GRS2018. Amor estivo a recoller comida onte en Vigo e Pontevedra, a súa proximidade, dedicación e entrega foron determinantes para o éxito da campaña solidaria.

A GRS2018 desenvolveuse en 155 superficies comerciais de toda a provincia e as doazóns de produtos básicos foron constantes durante as dúas xornadas.

Durante 2017, a Fundación Provincial Banco de Alimentos repartiu 1,9 millóns de quilos de comida e nos seis primeiros meses deste 2018, entregáronse xa preto de 1,2 millóns de quilos de comida. A ONG, apolítica e aconfesional, dedica os seus esforzos para facer cumprir un dos dereitos humanos máis fundamentais: o acceso a unha alimentación suficiente, segura e saudable. Na actualidade, entrega axuda a uns 150 colectivos sociais.

Anuncios