“Defenderei aos praceiros de ser desafiuzados porque a lei permítelles seguir 10 anos”

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, asegura nun comunicado que defenderá aos praceiros “de ser desafiuzados” porque a lei permítelles seguir 10 anos cos seus postos concedidos por outros alcaldes, “unha de tantas concesións de Araúxo”. Segundo Ferreira, non se adxudicou ningún posto, só se permitiu seguir por 10 anos máis aos praceiros que estaban de aluguer antes do 2013, “tal e como recolle o Regulamento Municipal de Mercados dese ano”.

O alcalde afirma que ademais na actualidade son oito os postos baleiros que sairían a licitación pública, e cada praceiro non podería dispoñer de máis de dous por persoa, como indica o Regulamento de Mercados, “polo que a posibilidade de ocupalos con novos licitadores non era un obstáculo para quen quixo concorrer ao procedemento”.

“Lamento que Araúxo promova o desafiuzamento dos praceiros que moitos levan aí pagando un aluguer e todos os seus impostos desde hai máis de 30 anos, algúns ás portas da súa xubilación. Pero o máis grave, que moitos deses praceiros están aí de aluguer en locais cedidos por resolución do propio Araúxo, sen ningunha base xurídica, entre o 2007 e 2009, período no que por desgraza fixémolo alcalde, aí vese a dobre moral e o escrupuloso que é Araúxo coa lei, dependendo de se está no goberno ou na oposición como agora”, engade Ferreira.

O rexedor de Gondomar considera que está a ser sometido a unha “persecución” por “aplicar a normativa municipal do 2013, aprobada por unanimidade polo Pleno da Corporación nese ano, baixo o goberno anterior e que actualmente compartimos todas as forzas políticas, a excepción de Manifesto Miñor”.

“Como non lles convence o fallo da sentenza en vía contenciosa, agora vanse á vía penal contra os concelleiros que votaron a favor de suspender o proceso de licitación na Xunta de Goberno do 6 de marzo do 2018, en aplicación do Regulamento de Mercados, que é favorable aos praceiros que estaban de aluguer na praza antes do 2013. Ante estas acusacións, eu confío plenamente na xustiza e creo que a actuación levada a cabo foi escrupulosamente en aplicación da normativa vixente de mercados, vixente desde o 2013”, conclúe Ferreira.