Anuncios
Ticker de novas

David Amor: “Hai moita xente necesitada preto, con moi pouco podemos facer moito”

David Amor, padriño do Banco de Alimentos de Vigo, animou hoxe á cidadanía a doar comida durante toda esta xornada e mañá, sábado, porque “hai moita xente necesitada preto, con moi pouco podemos facer moito”. Así o indicou na primeira xornada da Gran Recollida Solidaria (GRS2018) desde o supermercado Froiz situado na Praza Elíptica de Vigo onde estivo a axudar, como un voluntario máis, e facilitando todas as doazóns que as persoas lle foron entregando.

Amor estivo a compartir quenda con tres voluntarias e un voluntario máis da ONG, durante o tempo compartido non faltou o humor que lle caracteriza, á vez que insistiu na necesidade de non quedar cos brazos cruzados, achegarse a calquera das 155 superficies adheridas á campaña e entregar alimentos non perecedoiros. O actor, humorista e deportista palpou en primeira persoa a solidariedade das persoas cuxas doazóns foron enchendo de alimentos as caixas habilitadas pola entidade. O obxectivo tanto de Amor como do Banco de Alimentos, é superar os 325.000 quilos de comida recollidos durante a pasada edición, coa presentadora de televisión, Carlota Corredera, como madriña. “É impactante ver que hai moitas persoas que o están pasando mal e que, ademais, é posible que ese alguén viva no piso de arriba”, sinalou Amor.

Desde a ONG apélase ao corazón da cidadanía e lembra que, aínda que calquera produto non perecedoiro é benvido, hai cinco esenciais á hora de doar: leite, galletas, cacao, aceite e todo tipo de conservas. Sobre as devanditas conservas, son perfectos os legumes e os vexetais que veñen en tarro de cristal, xa que veñen elaboradas e, é probable que, as persoas que reciben axuda non teña recursos pola pobreza enerxética.

Chamamento de Amor en redes sociais

Actividade Banco Alimentos

Durante 2017, a Fundación Provincial Banco de Alimentos repartiu 1,9 millóns de quilos de comida e nos seis primeiros meses deste 2018, entregáronse xa preto de 1,2 millóns de quilos de comida. A ONG, apolítica e aconfesional, dedica os seus esforzos para facer cumprir un dos dereitos humanos máis fundamentais: o acceso a unha alimentación suficiente, segura e saudable. Na actualidade, entrega axuda a uns 150 colectivos sociais que, á súa vez, distribúena ás 25.000 persoas desfavorecidas.

Anuncios