O BNG pide á Xunta reformar o proxecto da estrada PO-331 ao seu paso por Vincios

O deputado do BNG, Luís Bará defendeu hoxe, na comisión de Ordenación do Territorio, unha proposición non de lei destinada a mellorar a seguridade viaria na estrada PO-331 nos puntos quilométricos 11,200 e 14,600.

Bará pediu á Xunta que atenda as alegacións ao proxecto de reforma presentadas pola Asociación Veciñal Galiñeiro de Vincios para mellorar as necesidades de mobilidade dos residentes así como diversas alternativas para saídas do Monte Galiñeiro, Atalaia, intersección coa estrada do Salgueiro e os accesos ao centro cultural e o barrio da Seca.

Ademais, criticou que o proxecto non teña en conta o impacto na contorna por mor dos itinerarios e tráfico no treito da intersección de subida ao Galiñeiro até a Glorieta de Santa Lucía.

Por outra parte, o proxecto, recalcou, “non atende ás necesidades das persoas que residen na parroquia ao dificultar a mobilidade peonil cos pasos de peóns proxectados e a supresión de espazos para estacionamentos.

Nestes tramos, afirmou “prodúcense un número elevado de accidentes” na maior parte por exceso de velocidade e non respectar as distancias e neste sentido, o proxecto non inclúe ningunha medida específica que garanta limitar a velocidade como “pasos de peóns elevados, semáforos accionados por velocidade, ou redución da velocidade máxima”.

O deputado reclamou, “reformar o proxecto” incluíndo medidas alternativas para reducir o tránsito de vehículos pola PO-331 potenciando “a utilización da autoestrada AG-57, eliminando a actual peaxe ou, de maneira transitoria reducíndolla aos residentes e empresas radicadas no Val Miñor.

BARÁ CRITICOU O DESPREZO DA XUNTA COA VECIÑANZA

Pola súa parte, o voceiro do Partido popular, Jacobo Moreira anunciou o voto en contra da proposta defendida polo deputado do BNG, Luís Bará que na quenda de réplica volveu defender as alternativas ao proxecto para reformar a PO-331 e eliminar as peaxes da autoestrada AG-57. Vostedes afirman que se reuniron coa veciñanza pero “caso non lle fixeron ningún”.

O deputado lamentou que, unha vez máis, “o Partido popular non atenda ás reclamacións da veciñanza” e lembrou que o BNG propón na emenda transversal nos orzamentos para o 19, “un plan sectorial centrado na seguridade viaria”.

O BNG LAMENTA QUE AÍNDA NON FORA CONVOCADO O PLENO EXTRAORDINARIO SOLICITADO POLA COMISIÓN DE SEGUIMENTO DO PROXECTO

Por outra parte, o BNG lamenta que aínda non fora convocado o pleno extraordinario que a Comisión Veciñal de Seguimento do Proxecto da Xunta solicitou ás forzas políticas representadas na Corporación Municipal, na reunión celebrada en Vincios o día 4 de outubro pasado á que tamén fora convidado o BNG.

A responsable local do BNG, Manuela Rodríguez, indica que “para a veciñanza de Vincios é moi importante contar con apoios á hora de defender os seus intereses, e un acordo plenario que respaldara as súas alegacións a respecto do proxecto da Xunta sería fundamental. Para o BNG é difícil de explicar por qué as concelleiras e concelleiros que alí se comprometeron a facelo aínda non o fixeron”.