Manifesto Miñor acusa a Ferreira de cobrar dietas por reunións ás que non asistiu

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR // Paco Ferreira na alcaldía.

Manifesto Miñor acusa ao alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, de cobrar dietas por reunións ás que non asistiu segundo figura nas actas de asistencia. Xosé Antón Araúxo afirma que o rexedor volveu auto-autorizarse o cobro de quilometraxes (1.000 km/mes) malia ter “coche oficial”. Explica Araúxo que Juan Francisco Ferreira non aparece como asistente nas actas das reunións do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR 14), celebradas os días 22/06/2016, 16/03/2017 e 7/09/2017.

“As dúas primeiras reunións tiveron lugar en Mos e a terceira en Tui. A pesar de non figurar como asistente, pasou dietas destas asistencias ao Concello de Gondomar, que foron indebidamente cobradas do erario municipal”. No pleno ordinario de novembro foi requirido polo concelleiro de Manifesto Miñor para que respondese se cobrou dietas por reunións ás que non asistiu, “e non tivo a valentía política de responder ás preguntas, para recoñecelo ou para negalo”.

Nese mesmo pleno tamén foi requirido para devolver as dietas indebidamente cobradas por quilometraxes internas no concello, que mensualmente sitúanse nun abano de entre 1.000 e 1.500 km mensuais. “No momento da votación, no canto de absterse, como persoa con intereses particulares nunha decisión que o beneficia economicamente, votou de xeito indebido e, por tanto, de xeito irregular”, critica Araúxo.

“De pouco lle sirve a D. Juan Francisco Ferreira que a Fiscalía da Área de Vigo asegurase que non se tiñan cumprido todos os requisitos e formalidades esixidas pola lei para o cobro desas dietas, aínda que considerase que non tiñan relevancia penal, ou que el mesmo argumentase no seu favor perante a Fiscalía que coa compra dun coche “oficial” para facer eses desprazamentos resolvíase o asunto definitivamente. Á vista dos feitos queda claro que estaba enganando deliberadamente á Fiscalía”, engade o concelleiro de Manifesto Miñor.

Segundo Araúxo, tamén fai caso omiso dos informes da Intervención Municipal que lle indican que non pode cobrar dietas por desprazamentos dentro do propio municipio. “Que a Interventora do noso Concello asegure que os gastos por locomoción presentados por Juan Francisco Ferreira González non se consideran suficientemente xustificados, conforme establece o RD 462/2002, ao engadir 1.000 quilómetros itinerantes dentro do Concello, cantidade calculada “ao chou” e non xustificada, cuestión relevante para emitir este informe de fiscalización ao efecto de verificar se se trata de servizos con dereito a indemnización, tal e como establecido o RD 462/2002 e a Base 25 e 27 do Orzamento do Concello, tendo en conta ademais que a Base 27 do Orzamento referida a cargos electos unicamente fai referencia a desprazamentos fóra do termo municipal”.

Desde Manifesto Miñor esixen que todo o indebidamente cobrado ten que ser devolto ás arcas municipais. “Pero o máis sangrante é que desde marzo de 2018, tras a advertencia por escrito de MM, D. Juan Francisco abstívose de pasar novas quilometraxes. Agora, co prace da Fiscalía (pensa el) dá renda solta a súa voracidade económica retomando o cobro de dietas dende o mes de setembro. A partir deste mes volveu presentar, auto-autorizándose, novas quilometraxes (1.000-1.500 km/mes) que non están nin xustificadas, nin detalladas, nin amparadas pola Intervención Municipal”, incide Araúxo.

Con todo, para Manifesto Miñor o máis incompresible é a burla á Corporación Municipal e ao conxunto da cidadanía de Gondomar por parte de Ferreira, “toda vez que este Sr. dende o mes de xuño dispón dun coche municipal ao seu servizo no que os custos de combustible e mantemento, etc, son cargados ás contas públicas. Este tipo de decisións do Sr. Alcalde (que xa pretendeu subir o salario hai dous anos por fóra do pactado), fannos pensar que estamos diante de alguén que non mira polos intereses públicos; de alguén que cre estar por riba da lei; de alguén que moi ben podería apropiarse da célebre frase pronunciada por Luis XIV “O Estado son eu””, finaliza Araúxo.