David Amor participará como un voluntario máis na Gran Recollida Solidaria (GRS2018) que o Banco de Alimentos arrancará mañá. O padriño deste ano estará presente nun supermercado de Vigo á primeira hora e, máis tarde, desprazarase a outro de Pontevedra.
O actor, humorista e deportista acompañará así a parte das 2.000 voluntarias e voluntarios mobilizados este venres, 30 de novembro, e sábado, 1 de decembro, polas 155 superficies comerciais de toda a provincia, adheridas á campaña.
Tal e como manifestou Amor durante a súa presentación como padriño da GRS2018, o seu obxectivo é superar os 325.000 quilos de alimentos recadados durante o ano pasado, cando a ONG tivo como madriña á presentadora de televisión, Carlota Corredera. “Como deportista son competitivo, é un pique san, eu quero máis”, indicaba o padriño o pasado 14 de novembro, día no que se lle impuxo o peto de voluntario.
Desde a Fundación Provincial Banco de Alimentos apélase ao corazón da cidadanía e lembra que, aínda que calquera produto non perecedoiro é benvido, hai cinco esenciais á hora de doar: leite, galletas, cacao, aceite e todo tipo de conservas. Sobre as devanditas conservas, son perfectas os legumes e os vexetais que veñen en tarro de cristal, xa que xa veñen elaborada e as persoas que reciben non teñen que cociñar o produto e enfrontarse á pobreza enerxética que tamén pode padecer.
Chamamento de Amor en redes sociais
Converterse no novo padriño do Banco de Alimentos é para Amor unha “gran responsabilidade” e anima a participar na cita máis importante do ano para o Banco de Alimentos, quere que a solidariedade encha de comida os andeis dos almacéns cos que conta a entidade tanto en Vigo como en Pontevedra.
Durante 2017, a Fundación Provincial Banco de Alimentos repartiu 1,9 millóns de quilos de comida e nos seis primeiros meses deste 2018, entregáronse xa preto de 1,2 millóns de quilos de comida. A ONG, apolítica e aconfesional, dedica os seus esforzos para facer cumprir un dos dereitos humanos máis fundamentais: o acceso a unha alimentación suficiente, segura e saudable. Na actualidade, entrega axuda a uns 150 colectivos sociais que, á súa vez, distribúena ás 25.000 persoas desfavorecidas.

