Anuncios
Ticker de novas

O vigués Miguel González, primeira incorporación do Club Ciclista Rías Baixas

Coa fichaxe dun corredor vigués o Club Ciclista Rías Baixas estrea a súa condición de equipo da cidade olívica. Miguel González Vaz convértese na primeira incorporación da entidade presidida por José Luis Chamorro para a tempada 2019. Con este reforzo empézase a desvelar a ampla nómina de altas que o terceiro mellor equipo Elite de España concretou para o seu novo proxecto.

Tras catro anos afastado do ciclismo de competición, Miguel González volverá poñerse un dorsal en 2019. Farao como corredor de primeiro ano Elite e co obxectivo de “axudar en todo o posible aos compañeiros que teñen máis experiencia”.

Aos seus 22 anos, o ciclista vigués retoma unha carreira que aparcou para centrarse nos seus estudos de Ciencias Políticas. Durante esta paréntese non deixou de practicar deporte, pero noutras disciplinas. Entre os éxitos que acumulou destacan a vitoria na categoría Sub23 do medio maratón VigBay ou no Dúatlon de Maside.

Na súa etapa de formación como ciclista Miguel González era un corredor completo e con especial predilección polas probas para rodadores. “Dábanseme ben as carreiras con tramos de lastra que corriamos en Portugal”, sinala o vigués, que agora busca “saber cal é o meu potencial dedicándome en exclusiva á bicicleta”.

Ao longo das próximas semanas o Club Ciclista Rías Baixas irá dando a coñecer máis novidades dun persoal que contará con Gorka Beloki como mánager deportivo e que volverá competir ao máis alto nivel no calendario amateur español e portugués. Mentres se ultima a confección do cadro de corredores, a directiva continúa traballando no seu proxecto para dar o salto ao profesionalismo.

Anuncios