Este sábado 1 de decembro, ás 19:00 horas no Auditorio Lois Tobío, celebrarase o IV Memorial Secundino Pérez Sanromán. Este acto é unha homenaxe ao profesor e gaiteiro Secundino Pérez Sanromán dos que foron os seus alumnos e alumnas nos grupos que grazas a el, tamén, se foron fundando no Val Miñor. Este memorial vense organizando desde o ano 2015.
Natural de Chandebrito, Secundino Pérez Sanromán foi un músico vocacional e autodidacta que se dedicou ao ensino da nosa música tradicional durante máis de corenta anos. Chegou ser un referente da música tradicional galega, gaiteiro, saxofonista, mestre de varias xeracións de músicos, compositor, é unha persoa inesquecible para todas e todos os que tiveron a oportunidade de aprender con el.
Por iso, como lembranza e recoñecemento, os que un día foron os seus alumnos e alumnas veñen organizando esta homenaxe que cada ano organiza un dos grupos en que el foi mestre.
Nesta edición de 2018, correspóndelle a organización do acto á Banda de Gaitas Novos Aires de Couso. O acto conta tamén coa colaboración da Concellaría de Cultura do Concello de Gondomar.
O memorial celebrarase no Auditorio Lois Tobío de Gondomar, a partir das 19:00 horas, e nel participarán: Aires de Santes de Vincios, A Merced de Chaín, Ecos e Agarimos de Peitieiros, Breogán Valle Miñor, O Castro de Chandebrito, Ardelume de Baíña e Novos Aires de Couso.

