O Laroca organiza unha xornada de fomento do xadrez no IES Auga da Laxe

FOTO: CLUB DE XADREZ LAROCA

O Xadrez Laroca, en colaboración co IES Auga da Laxe de Gondomar, organiza mañá mércores a partir das 17:00 horas nas instalacións do instituto, con motivo da celebración da final do mundial de xadrez, unha xornada de fomento deste deporte, na que se xogarán partidas, explicarase aos neófitos nesta materia as regras básicas, e como non desfrutarán da retransmisión en directo das partidas da final do mundial que se está a disputar en Londres entre o actual campión, o noruego Magnus Carlsen, e o estadounidense Fabiano Caruana.

Despois de 12 partidas disputadas chegaron ao final empatados a 6 puntos, facendo táboas nas 12 partidas, polo que mañá a partires das 16:00 horas producirase o desempate. Primeiro xogarán catro partidas semi rápidas a un ritmo de 25 minutos con un incremento de 10 segundos por movemento. No caso que persistise a igualdade, celebraríanse ata 5 mini encontros de 2 partidas a 5 minutos máis 3 segundos por movemento. E no derradeiro caso se persistise a igualdade xogaríase unha partida extra a modo Armageddon, na que as brancas disporían de 5 minutos, as negras de 4 cun incremento de 3 segundos por movemento a partir da xogada 60, e no caso de persistir as táboas proclamaríase campión o xogador de negras.

Desde o Xadrez Laroca animan a asistir e descubrir este fermoso e apaixonante deporte, nunha xornada que será inesquecible xa que será a primeira vez na historia que un mundial de xadrez se finaliza cun desempate. Os asistentes comprobarán o emocionante que é este deporte.

Anuncios