A Autoridade Portuaria de Vigo investirá algo máis de 1 millón de euros na restauración dos faros situados nas Illas Cíes e Cabo Silleiro. Así se decidiu este luns con motivo da reunión do Comité para a Distribución do Fondo de Compensación Interportuario celebrada en Valencia.
Concretamente, a Autoridade Portuaria de Vigo acondicionará os dous faros situados en Cabo Silleiro e o situado nas Illas Cíes, ademais do camiño de acceso a este último. Os traballos de acondicionamento levaranse a cabo en 2019 e centraranse en mellorar e modernizar as fachadas e a contorna destes singulares edificios.
En canto aos dous faros situados en Cabo Silleiro, unha vez rematados os traballos de acondicionamento, estudarase a posibilidade de concesionar estes edificios para o seu posible uso hostaleiro. No que respecta ao faro situado nas Illas Cíes, non está previsto ningún uso hostaleiro nesta zona. Os traballos limitaranse ao acondicionamento da súa fachada e á mellora do camiño de acceso.

