Sin categoría

O Okofen conquista a Liga de Outono AXA J80

O Okofen de Javier de la Gándara conquistou este sábado a vitoria da Liga de Outono AXA J80 tras vencer na última xornada de probas celebrada esta tarde na baía de Baiona. O equipo liderado polo experimentado patrón vigués sentenciou a competición tras sumar outro primeiro posto aos que lograra en xornadas anteriores.

Con cinco primeiros postos, un segundo e un terceiro nas sete probas disputadas desde o pasado mes de outubro, De la Gándara e os seus volveron demostrar por que se atopan entre os mellores da clase J80 galega.

Sentenciaron o campionato con 7 puntos, sacándolle oito de vantaxe ao seu rival máis directo, o Marías – Casas do Telhado do portugués Manuel María Cunha que, a pesar de completar moi boas regatas durante todo o campionato, non foi capaz de superar na clasificación ao Okofen en ningún momento.

A bordo do monotipo vencedor volvemos ver a un equipo compenetrado que rende ao máximo independentemente das condicións meteorolóxicas, que nalgunhas xornadas, como a de hoxe, complicaron bastante a navegación da frota cun mar revolto e ventos por encima dos 30 nós por momentos.

Nesta nova edición da Liga de Outono AXA J80 De la Gándara volveu contar coa súa man dereita a bordo Diego Fernández; co seu fillo Jaime de la Gándara e con Hugo Ferreiro, habituais do Okofen desde os seus inicios nas competicións de J80. Santi Meygide, Javier Porto e Jaime García foron outros dos tripulantes que se sumaron nalgunhas xornadas, para completar equipo ou substituír a algún dos habituais.

Coa súa vitoria no campionato outonal, o Okofen clausurou unha gran tempada regateira na que tamén logrou os bronces do Trofeo Infinitus Rent e o Campionato de España de J80, a prata do Trofeo Príncipe de Asturias e o ouro do Trofeo Conde de Gondomar.

O podio de honra da Liga de Outono AXA J80 completárono, con 15 puntos, o Marías – Casas do Telhado liderado por Manuel María Cunha e o Luna Nueva de Juan Luis Tuero, que quedou terceiro con 18 puntos.

Xa fóra dos caixóns do podio, situáronse o Pazo de Cea de Iago Alonso, en cuarta posición; e o Namasté de Luis de Mira, en quinta. O resto da clasificación complétana o Mondo de Bernardo Macedo, o Cansino de Fernando Yañez, o Cunichán de Javier Martínez Valente e o Cormorán II de Yago G. Robatto.

Tras a celebración esta tarde en Baiona da última proba, os participantes e membros do comité de regata participarán nunha cea de confraternización presidida por directivos do Monte Real Club de Yates, como club organizador; e de AXA Seguros, como patrocinador da competición. Nela gardarase un minuto de silencio en homenaxe á socia e regatista do Monte Real, Berta Hernández Alfageme, falecida esta semana tras unha dura loita contra o cancro.

Ao finalizar, os regatistas serán convocados para a próxima cita da frota de J80, a Liga de Inverno, que se celebrará en Baiona entre xaneiro e marzo de 2019.

CLASIFICACIÓN FINAL (Top5) LIGA DE OUTONO AXA J80
1. OKOFEN • Javier de la Gándara • 7 puntos
2. MARÍAS – CASAS DO TELHADO • Manuel María Cunha • 15 puntos
3. LUNA NUEVA • Juan Luis Tuero • 18 puntos
4. PAZO DE CEA • Iago Alonso • 28 puntos
5. NAMASTÉ • Luis de Mira • 31 puntos