Nigrán abre ata o 11 de decembro o prazo de inscrición na ludoteca de Nadal

O Concello de Nigrán abre ata o 11 de decembro o prazo de inscrición na ludoteca de Nadal, que se desenvolverá no Auditorio Municipal do 26 de decembro ao 4 de xaneiro (agás fins de semana e festivos) de 9:00 a 14:30 horas cun custe total de 10 €. “A finalidade é proporcionar aos cativos actividades de carácter educativo e lúdico facilitando ao mesmo tempo a conciliación da vida laboral e familiar”, explica o alcalde, Juan González.

O número de prazas ofertadas estará limitada a 60 para garantir así un correcto ratio de atención aos pequenos e poder desenvolvela coa máxima calidade. Poderán solicitar a súa praza nenos nados entre 2006 e 2015 con preferencia para os empadroados en Nigrán ou non empadroados con pais/nais traballadores no municipio ou cun negocio.

Os formularios de inscrición poden recollerse na Oficina de Información Cidadá do Concello, no CIM (antiga estación do tranvía en Panxón) ou na sede electrónica da páxina web http://www.nigran.org e deben presentarse no Rexistro Xeral do Concello, de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas co DNI da persoa que o solicita, libro de familia e tarxeta sanitaria do neno/a. Para máis información poden obtela no teléfono 986383081 ou no correo electrónico cim@nigran.org.

Anuncios