Gondomar proxecta o documental “Crónicas de silencio e sal”

Dentro dos actos conmemorativos do Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero, o Concello de Gondomar proxecta este domingo 25 de novembro o documental “Crónicas de silencio e sal”, dirixido por Xan Leira e producido pola TVG e AcuarelaComunicación. O acto, que contará coa presenza do director, comezará ás 20:00 horas no Auditorio Lois Tobío con entrada de balde. O aforamento está limitado a 250 persoas.

O Golpe de Estado de 1936, contra a orde constitucional, instrumenta unha metodoloxía represiva sustentada no terror. A muller galega non fica exenta deste accionar represivo, senón todo o contrario.

O poder abafante da Igrexa, o analfabetismo crónico, a explotación laboral e degradación secular da condición feminina, converteron ás mulleres na grande vítima da represión franquista, no seu dobre rol de destinatarias e, á vez, propagadoras forzadas do medo e dos “novos valores” totalitarios e retrógados que se exercían dende o púlpito e das institucións usurpadas polo fascismo.

Conta coas testemuñas de Mª Teresa Cores, Conchiña Nogueira, Mariví Villaverde, Dionisia López, Belarmina Ordóñez, Amalia Collazo, Lola Rodal, Fina Gallego, Eva Palmeiro, Manuel Sarille, Manuel Eiras, Elvira Varela, Rosina Villaverde, Raúl Francés, María A. Concheiro e Pablo Iglesias.

Anuncios