Paralizada a adxudicación do contrato da recollida do lixo de Gondomar

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR

As dúbidas e as advertencias feitas por Manifesto Miñor no pleno do 18 de outubro, vénse agora confirmadas polos recursos interpostos por dúas das empresas participantes no concurso de licitación do contrato da recollida dos residuos sólidos urbanos do Concello de Gondomar, segundo Antonio Araújo, por culpa da falta de transparencia e un informe de parte.

O 30 de agosto de 2017, o Pleno do Concello de Gondomar aprobou cos votos do PSOE-PP-IxG, o “Prego de cláusulas administrativas particulares” (PCAP) e o “Prego de prescricións técnicas” (PPT)que ían rexer o concurso público para adxudicar a recollida de RSU do Concello de Gondomar. Todo elo por un montante inicial de 744.950.-€/ano (IVE incluído) e por un tempo de 4 anos prorrogables a dous máis.

A realidade do custe total que lle vai supoñer ás arcas municipais a adxudicación da recollida dos RSU, entre a recollida propiamente dita e o canon de SOGAMA, supón 1.125.000.-€/ano, cos incrementos que legalmente se recollen nos propios pregos de condicións que rexen o devandito concurso. É dicir, aproximadamente un 18% do orzamento municipal.

Entre o extenso articulado que conforma os devanditos pregos de condicións, no PCAP queda expresamente recollido en diversas cláusulas que a existencia de baixas anormais (baixas temerarias) deixaría fóra do concurso a aquelas empresas que incorran na mesmas.

“Pois ben, como queira que houbo dúas empresas que incorreron en baixas anormais (FCC e GESECO), e que despois dun segundo informe de parte contratado polo Sr. Alcalde sen coñecemento da Mesa de Contratación á empresa TIRSE Ingenieros S.L. (ver dilixencia do Secretario Municipal, e actas da Mesa de Contratación nº 4, 13), a Mesa decide aceptalo e permitir a continuidade das devanditas empresas no concurso”, recorda o portavoz de Manifesto Miñor.

Araújo considera este feito inaudito, xunto con outras dúbidas que o seu grupo puxo enriba da mesa antes e durante o Pleno de 18/10/2018 de adxudicación do contrato a FCC para que foran sometidas previamente á consideración do Sr. Alcalde e aclaradas a través do correspondente informe dos servizos técnicos ou xurídicos municipais (escrito presentado o 4/10/2018), negándose expresamente a elo co o argumento que toda a información estaba no expediente do Pleno, malia a lle facer a advertencia de que esas anomalías poderían producir consecuencias imprevisibles no proceso de contratación dos RSU de Gondomar.

“Unha vez máis Paco Ferreira amosou a súa peor cara: a da arrogancia e a da incapacidade para o diálogo e o consenso políticos desprezando a nosa proposta. A partires dese momento os atrancos no acceso á documentación que posteriormente reclamamos están sendo continuos, tendo incluso que pedir amparo á Valedora do Pobo por este feito. O resultado deste xeito de entender o goberno municipal, está á vista: dúas das empresas concursantes acaban de presentar senllos RECURSOS ESPECIAIS EN MATERIA DE CONTRATACIÓN CONTRA O ACORDO PLENARIO DE 18 DE OUTUBRO DE 2018, PERANTE O TRIBUNAL ADMINISTRATIVO DE CONTRATACIÓN PÚBLICA DA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA”.

“Destacan neses recursos as empresas recorrentes, a denegación do acceso á documentación do expediente e o informe, que nós consideramos de parte, de TIRSE Ingenieros S.L. De entrada o resultado dos devanditos recursos, que son suspensivos, paralizaron a contratación en favor de FCC ata que o Tribunal os resolva. A pregunta é: que vai facer Paco Ferreira se o Tribunal anula todo o proceso de contratación? A día de hoxe o proceso está suspendido automaticamente polo feito en si mesmo da presentación dos recursos , e a maiores, o Tribunal vén de manter esa suspensión por medio dunha Resolución ditada o 15 de novembro ata a resolución definitiva do asunto. Os porqués do Alcalde para manter esa contratación a sabendas das nosas advertencias feitas por escrito e no pleno, sábeos el. De entrada serviulle como desculpa para a nosa expulsión do goberno municipal. Veremos como acaba o conto”, conclúe Araújo.

Anuncios