Sin categoría

Nigrán pecha o domingo a campaña “Nigrán en Negro” coa actuación de Blues do País

O Concello de Nigrán pecha a campaña “Nigrán en Negro” este domingo, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, co concerto ás 13:00 horas no Auditorio Municipal de “Blues do País”. Trátase dun dúo formado por Bieitta James na voz e Pepe King á guitarra, xuntos transforman temas clásicos do blues e do soul internacional en cancións con referencias galegas, moitas delas reivindicando os dereitos das mulleres.

O Concello quere festexar e agradecer con esta actuación a gran implicación nesta “semana de loito” do comercio local, centros educativos e das entidades sociais, xa que se sumaron máis de 150 locais participantes que están a tinguir de negro todo o municipio, medio cento máis que o ano pasado. Neste contexto, este mediodía tivo lugar a lectura do manifesto deste ano na Praza do Concello por parte da directora do Centro de Información ás Mulleres de Nigrán, Yolanda Cobo, acto no que participou o goberno local, funcionarios e veciños de Nigrán.

Xa o luns, o CPI de Panxón acollerá un espectáculo de acrobacias e performance a cargo dos propios alumnos, que deseñaron a actuación tendo en conta esta data.

«O obxectivo final de todas estas accións é visibilizar e deixar patente a nosa repulsa ante calquera tipo de maltrato á muller e concienciar disto a toda a veciñanza», resume o rexedor, Juan González, quen destaca a gran acollida da campaña entre o comercio e as entidades locais.