“Defendemos a unha veciña de Baiona e a unha representante democraticamente elixida”

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Carlos Gómez durante a súa intervención.

Para o Grupo Municipal Socialista de Baiona o Concello debe ser a casa da palabra, onde aqueles que foron elixidos deben ser oídos, xa que son a voz do pobo e nos que os votantes depositaron a súa confianza con cada voto nunha urna. “Cando esa palabra é coartada, ninguneada e limítase en beneficio propio ou dun partido político, resulta un improbó de épocas pasadas onde o cacique gobernaba a golpe de favor e proveito propio. Ao pobo non se lle poden limitar os seus dereitos en audiencia pública, escoitar un pleno onde se dirime e vota o orzamento que vai rexer a vida pública de Baiona no ano próximo”, afirman.

Os socialistas presentaron unha emenda á totalidade estando en contra dos orzamentos de 2019 para o Concello de Baiona e do criterio da portavoz do grupo de goberno, María Iglesias, “que expuxo que votar en contra dos orzamentos 2019 significa paralizar Baiona e nós respondemos que os propios orzamentos presentados polo grupo de goberno son os que paralizan a nosa vila”.

Os motivos para o Grupo Municipal Socialista son que non hai iniciativas para incentivar a economía; para resolver o problema da vivenda; óbvianse os grandes problemas sociais como a atención aos maiores e actividades propias, centro de día, transporte adaptado, non se contempla a implantación de comedores escolares; ausencia de iniciativas para incentivar a creación de empresas e á súa vez emprego; ignora todo o referente ao sector pesqueiro; ausencia total de iniciativas para xerar e garantir ingresos; e unha vez máis non se contempla a débeda do aparcadoiro do Aral, “xerada por este grupo de goberno e que herdará o próximo”.

“Todo isto fai que os orzamentos presentados polo grupo de goberno non resolvan os problemas das veciñas/os de Baiona, simplemente serven para pasar o trámite e escasamente garanten o funcionamento administrativo do Concello, ademais de quedar patente, unha vez máis, a falta de proxecto de futuro para Baiona”, aseguran desde o PSOE.

“A Agrupación Socialista de Baiona entende que a democracia somos todos e o primeiro quede claro, defendemos a unha veciña de Baiona, e o segundo a unha representante pública legal e democraticamente elixida, e cando a esta veciña se lle coarta a posibilidade de falar e votar entendemos que nola coartan a todas as veciñas e veciños de Baiona e o Grupo Municipal do PSOE de Baiona non debe estar presente nun lugar e nunha votación realizada e viciada en beneficio propio para sacar adiante unha nefasta administración local”.

“O Sr. Rodal e como cómplices o seu grupo de goberno, utilizou a súa posición no pobo para denigrar publicamente en prensa e redes sociais a unha veciña de Baiona e a súa familia e á súa vez unha representante pública do pobo elixida democraticamente e compañeira de corporación. Que ruindade máis grande que este Concello sexa gobernado así, pronto chega maio e as eleccións do día 26, que Baiona decida e que a democracia sexa escoitada de novo”, conclúen os socialistas.