Concello de Baiona e Deputación asinan o convenio para a mellora da Avda. Urbana de Sabarís

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asinou esta mañá, no Pazo Provincial, co alcalde de Baiona, Ángel Rodal, o convenio de colaboración para a execución e financiación do proxecto beneficiario do Plan de Remodelación e Mellora da Seguridade dos Viarios Municipais (DepoRemse). En Baiona executarase a mellora da mobilidade e seguridade viaria na Avda. Urbana de Sabarís, por valor de 341.319,18 euros, dos que o Goberno provincial financia 290.121 euros.

O proxecto de mellora da mobilidade e seguridade viaria na Avda. Urbana de Sabarís contempla a adaptación dos pasos de peóns, tamén os sobre elevados, á normativa de accesibilidade, así como a incorporación dun novo, e o reforzo de iluminación en pasos peonís e a mellora da iluminación xeral da vía cambiando luminarias e lámpadas dos puntos de luz existentes por outras de tecnoloxía LED de maior rendemento e menor consumo.

Así mesmo levarase a cabo a rehabilitación xeral do firme ante o seu actual estado de deterioración e incorporaranse cinco marquesiñas nas paradas de autobús existentes no tramo obxecto do proxecto, circunstancia que mellora o uso do transporte público. Tamén se realizará a sinalización completa do tramo contemplado, corrixindo e simplificando sinais que actualmente poden causar confusión. Esta circunstancia mellora a seguridade viaria.

En total, o Plan de Remodelación e Mellora da Seguridade dos Viarios Municipais (DepoRemse) beneficia a 31 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes, cun investimento de 11 millóns de euros. A través de DepoRemse, a Deputación impulsa proxectos que van permitir aos concellos remodelar rúas e viarios a fin de facilitar a comunicación entre espazos de emprego e de uso social, sanitario ou educativo, así como mellorar aqueles trazados que soportan unha alta densidade de tráfico tanto peonil como rodado. Trátase dun novo instrumento de cooperación entre a institución provincial e os concellos que busca unha mobilidade sostible que dea prioridade á seguranza e á mobilidade peonil nas infraestruturas viarias.

Na sinatura do convenio de colaboración, a presidenta recoñeceu o esforzo dos concellos da provincia por recuperar os espazos públicos para as persoas e de aí que o Plan DepoRemse vaia contribuír a este obxectivo, “logrando que os vehículos non ocupen o primeiro lugar nos nosos pobos e vilas e as persoas pasen a ser a prioridade”. Carmela Silva aproveitou ademais o acto de hoxe para demandar que os procedementos administrativos para poder levar adiante os proxectos “sexan cada vez máis áxiles, menos gravosos e menos complicados, xa que non só é algo que afecta ao desenvolvemento dos proxectos, senón tamén á súa execución”.