A Concellería de Igualdade de Baiona, a través do Centro de Información á Muller, presenta o programa “Conciliación Nadal 2018”, que ten como obxectivo promover a conciliación da vida familiar e laboral e ao mesmo tempo facilitar un espazo educativo e de entretemento para os nenos e nenas, favorecendo o seu desenvolvemento integral. A actividade é cofinanciada polas familias participantes e o Concello.
O programa, que oferta un total de 30 prazas, desenvolverase nas seguintes datas: o 24, 26, 27, 28 e 31 de decembro de 2018 e o 2, 3, 4 e 7 de xaneiro de 2019 no CPI Cova Terreña en horario de 9:00 a 14:00 horas. Aínda que por necesidade das e dos proxenitores, poderán acceder ao programa de 8:00 a 9:00 e saír de 14:00 a 15:00 horas, sempre que se indique na solicitude.
Os requisitos para participar no programa son nacer entre o ano 2007 e 2015 e estar empadroada unha das persoas proxenitoras ou titoras no municipio con data anterior a esta convocatoria (non é necesario acreditalo, o Concello verificará que a persoa solicitante está empadroada no municipio) ou que a nena ou neno para o que se solicite praza estea escolarizado/a en o curso escolar 2018-2019 nun centro educativo do municipio de Baiona.
O prazo para levar a cabo as solicitudes empeza este xoves, 22 de novembro, e prolongarase ata o luns 3 de decembro, ambas as dúas datas incluídas. As persoas interesadas en participar na convocatoria deberán presentar a solicitude de inscrición (Anexo I) debidamente cumprimentada e asinada, xunto coa documentación requirida no punto 11 da convocatoria, no rexistro de entrada do Concello de Baiona de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas ou a través da sede electrónica do Concello de Baiona ata as 14:00 horas do luns 3 de decembro.
O prezo público a pagar polas persoas usuarias é de 25 euros neno/a, de conformidade co establecido no artigo 7 da Ordenanza reguladora do prezo público esixido pola organización de cursos, obradoiros, programas e actividades deportivas, sociais, festivas e culturais do Concello de Baiona.
As bases da convocatoria están dispoñibles na páxina web do Concello http://www.baiona.org/. Tamén na oficina de rexistro do Concello de Baiona situada na planta baixa da Casa Consistorial, rúa Lorenzo de la Carrera, S/N. Para máis información no CIM, teléfono 986 35 75 54.

