Anuncios
Ticker de novas

Cs Val Miñor esixe que se garanta o correcto funcionamento e mantemento da piscina

Cs Valmiñor esixe de forma inmediata que se garanta o correcto funcionamento e mantemento da piscina mancomunada da Ramallosa. Para iso, a Agrupación de Cidadáns do Val Miñor presentou un escrito nos concellos da comarca, mostrando a súa preocupación pola integridade física dos usuarios tras a reforma das instalacións.

“Desprendementos do teito, pingueiras, filtracións, falta de mantemento de equipos e instalacións e escaseza de persoal, son algunhas das queixas que recollemos e que ocasionaron graves problemas para os usuarios”, detallou a coordinadora da agrupación Fabiola Cavalier.

A portavoz da formación laranxa quixo expoñer tamén outros dos motivos polos cales presentaron o requirimento. “Por se isto non fose motivo suficiente de alarma, temos que engadir as acusacións dos sindicatos denunciando o incumprimento das condicións dos traballadores presentes no prego do concurso e o desmantelamento das instalacións para favorecer a un complexo deportivo privado cuxo director actual foi, ata hai poucos meses, director desta piscina mancomunada durante 11 anos”.

Desde Cs Valmiñor considérase de vital importancia acelerar a investigación acerca do estado da execución da reforma, para así “verificar se o investimento está xustificado e ben empregada pola concesionaria, e tómense medidas para que a empresa emende as deficiencias expostas polos usuarios”, explicou Fabiola Cavalier.

“É inconcibible que unhas instalacións recentemente reformadas poidan supoñer un perigo para os que fagan uso delas. Tense que garantir a calidade que se espera delas despois do investimento realizado”, destacou a coordinadora local de Cidadáns, que aclara tamén que “dada a gravidade deste asunto, e no suposto caso de que non se obteña un resultado claro que depure responsabilidades, esta agrupación esixirá que unha empresa externa actúe con total imparcialidade para auditar o proxecto de execución da obra e o estado da concesión”.

Anuncios