Anuncios
Ticker de novas

Investigan a un veciño de Nigrán por acoso e abusos sexuais a mulleres

A Garda Civil investiga a un veciño de Nigrán polos delitos de abusos e acoso sexuais e contra o dereito dos traballadores. A operación, a cargo do Posto Principal de Baiona-Nigrán, está aberta xa que, aínda que, notificóuselle xa a súa condición de investigado por estes delitos sobre varias mulleres, a investigación considera que poderían ser decenas as vítimas deste home que, na actualidade, ten 73 anos de idade.

A Garda Civil tenta determinar o número de mulleres que puideron ser coaccionadas por este home desde o ano 2014 ata a actualidade. As vítimas respondían a un anuncio de traballo no que se solicitaba unha muller para tarefas domésticas e do fogar, así como de coidados a unha persoa con diversidade funcional física, que lle obriga a valerse dunha cadeira de rodas.

A oferta laboral fíxose a través de páxinas da internet despois de que a ONG que lle quixo auxiliar en primeira instancia considerase que non reunía o perfil adecuado para expoñer a ningunha das candidatas da súa bolsa de emprego tras as queixas e reticencias das que acudiron ao seu domicilio.

A investigación considera que, entre as candidatas que respondían á oferta de emprego, o home seleccionaba ás máis vulnerables. A maior parte son de nacionalidade estranxeira, con estancia irregular no país e con moi poucos recursos económicos. O home obrigábaas a pasar “unha proba de capacitación” para coñecer a súa suposta valía para o posto de empregada do fogar. A presunta proba consistía en pasar unha noite con el, momento no que xa eran vítimas de abusos. Noutros casos esperaba a que aceptasen a quedar co posto de traballo. No relato das vítimas recóllense testemuños como que había tocamentos de carácter sexual de forma autoritaria e agresiva. Hai ademais testemuños que sitúan no domicilio deste home a case medio centenar de “candidatas” nos últimos anos que acudiron a traballar ou á suposta entrevista laboral.

A estes delitos súmaselle outro contra o dereito dos traballadores polas irregularidades detectadas nas contratacións laborais que facía e, por último, outro contra a integridade moral na persoa dunha muller da súa contorna familiar. A investigación dispón de testemuños sobre presuntos malos tratos que o home inflixía a esta muller, coaccionándoa para que non tivese relación co resto da familia nin acudise a ningún centro médico, a pesar de que precisase atención.

A investigación continúa aberta para localizar a outras posibles vítimas. Xa se conseguiu identificar a unha decena de mulleres que contestaron a esta suposta entrevista de traballo, pero algunhas xa non se achan no país ou non son facilmente localizables.

A Garda Civil insiste en que denunciar é a prioridade á hora de enfrontarse a calquera posible caso de malos tratos, como o de violencia machista. Lembra que toda persoa que sospeite ou coñeza a posible existencia dunha situación de violencia, ten a obrigación legal e moral de denuncialo. Calquera cidadán que poida advertir dunha situación de risco pode, de forma totalmente anónima se o considera, telefonar ao número 062.

As dilixencias foron trasladadas xa ao Xulgado de Instrución de garda dos de Vigo.

Anuncios