A Concellería de Xuventude do Concello de Gondomar promove por segundo ano consecutivo unha iniciativa para fomentar unha ciencia divertida que esperte a curiosidade entre a mocidade e estimular o gusto polo saber científico.
Este ano vanse realizar uns obradoiros distribuídos por idade e temáticas durante os días 7, 8 e 9 de decembro no Auditorio Lois Tobío. Levaranse a cabo obradoiros de natureza, de química, creativos, de auga, de fogo, aprenderán experimentando e de forma amena.
Todo o que se anime a participar rematará esta experiencia coa visita á Exposición de Recursos Naturais de Galicia da Escola Técnica Superior Enxeñería de Minas da Universidade de Vigo.
Para participar hai que chamar á Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) no 986 369 746 e inscribirse a partir do 20 de novembro e ata rematar aforo. Os obradoiros infantís estarán dirixidos a nenos e nenas de 6 a 9 anos, e os xuvenís de 10 a 13 anos.

