Anuncios
Ticker de novas

Sorpresa poético-musical nun supermercado de Gondomar

Dentro das actividades da I Semana Poética Victoriano Taibo, este mércores tivo lugar no Supermercado Froiz de Gondomar a celebración dun “mini-concerto recital” coa breve duración de cinco minutos. Colaboraron nesta actividade Silvia Penas (poesía), Margarida Mariño (chelo) e David Arroyos (contrafagot).

O IEM iniciou o pasado sábado cun slam poético esta I Semana Poética, enchendo de versos a vila de Gondomar, unha festa poética que terá un fermoso ramo o día 17 coa entrega do premio desta décimo primeira edición a Laura Ramos Cuba.

A banda de gaitas Balcón do Miñor, de Morgadáns, amenizará o acto en que a autora recibirá o galardón da man do alcalde, Francisco Ferreira, e recitará algúns poemas da súa obra. No acto tamén intervirá o director do IEM, Xulián Maure. Á saída, no vestíbulo, estará agardando un albaroque de confraternización durante o cal a autora asinará libros para quen o desexe.

O premio está dotado con 3000€ e unha peza escultórica da autoría de Fino Lorenzo.

Todos os actos desta I Semana Poética están programados polo grupo PUGA (Promoción do Uso do Galego), integrado no IEM, e contan cun convenio co Concello de Gondomar. O grupo PUGA agradece a súa colaboración a cantos participen dos seus obxectivos: que a Lingua Galega acrecente o seu uso entre a xuventude urbana para así participar na construción lingüística de Europa.

Anuncios