Gondomar en Negro Contra a Violencia

O 17 de decembro de 1999 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou o 25 de novembro como Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, convidando a gobernos, organizacións internacionais e organizacións non gobernamentais a desenvolver actividades dirixidas a sensibilizar á poboación respecto da situación de violencia na que viven moitas mulleres.

Dende a Concellería de Igualdade do Concello de Gondomar consideran que a actual situación require dunha resposta unánime de toda a sociedade que poña de manifesto o rexeitamento de todas as formas de violencia contra as mulleres. Para iso, animan ao sector do comercio e a todos os axentes sociais do municipio a implicarse na conmemoración do 25 de novembro.

“Gondomar en Negro” propón vestir de loito a vila en sinal de dor pola violencia de xénero, e como resposta á máis dura das súas consecuencias, a morte. Porque consideran que teñen o protagonismo das rúas de Gondomar, e son o gran escaparate que pode transmitir á cidadanía a mensaxe de denuncia e solidariedade: queremos Gondomar libre de violencia de xénero.

O obxectivo é que do 19 ao 26 de novembro tendas, comercios, empresas, bares, postos do mercado, etc. vistan de negro, os manequíns, os manteis dos restaurantes, ou os propios empregados, facilitando o Concello material e información que tamén compartirán nas redes sociais.

Mañá venres 16 de novembro, dende as 17.00 ata as 20.00 horas, e o sábado dende as 11:00 ata as 13:00 horas na Sala de Xuntas do Concello de Gondomar, haberá un reparto do material (bolsas, camisetas para vestir os manequíns, mandís e cartáceas ata fin de existencias) a todos aqueles que queiran participar.

O 23 de novembro haberá unha concentración na Praza do Concello ás 12:00 horas onde procederase á lectura do manifesto. O domingo 25 no Auditorio Lois Tobío, cinema documental “Crónicas de Silencio e Sal”, con entrada de balde, e tamén durante a fin de semana diferentes equipos deportivos de Gondomar xogarán coas camisetas co lema “Gondomar en Negro Contra a Violencia”.

Esta campaña desenvolverase conxuntamente con outras 106 vilas e cidades galegas baixo o lema “En Negro Contra As Violencias” co obxectivo de poñer sobre as axendas, coa maior contundencia posible e dunha vez por todas, a violencia xénero como un problema público, de toda a cidadanía.

Os interesados en participar poden enviar un correo electrónico a alcaldia@concellodegondomar.com cos datos do establecemento (nome e enderezo) e da persoa de referencia (nome e teléfono) para maior información.