Nigrán inviste 45.000 € na ampliación e mellora da seguridade na rúa Nandín de Parada

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // Ampliación e mellora na Rúa Nandín de Parada.

O Concello de Nigrán rematará esta semana as obras para ampliar a rúa Nandín da parroquia de Parada de xeito que permita o cruce de dous vehículos en direccións opostas e ao mesmo tempo se mellore a seguridade dos peóns. Os traballos, adxudicados por 44.683 € a “Servicios Medioambientales del Miño S.L” e cun prazo de execución de tres meses, inclúen a construción dun gran muro de contención de cachotes de pedra do país.

«Esta obra é urxente e necesaria para mellorar a seguridade da estrada, xa que actualmente está en pésimas condicións polo progresivo afundimento da mesma. Ademais, dá acceso a varias casas e nin sequera ten capacidade para que se crucen dous vehículos en direccións opostas», explica o alcalde, Juan González.

A rúa ten unha anchura media inferior aos tres metros e coas obras pasará a ter 6 metros, permitindo diferenciar dous carrís claramente, por este motivo é preciso realizar o muro de contención. Actualmente presenta un pavimentado asfáltico moi deteriorado que será completamente renovado no mesmo material e cun espesor de 5 cm. Así mesmo, dispoñerá de cunetas e canles de rego para que discorran as augas.

«Dende o Concello de Nigrán temos o compromiso de actuar nestes pequenos camiños do interior que dan acceso a vivendas e que precisan urxentemente de ser renovados, coma é o caso», conclúe o rexedor.

Anuncios