David Amor, padriño da Gran Recollida Solidaria do Banco de Alimentos de Vigo

FOTO: MARCOS CANOSA // David Amor co peto de voluntario.

O actor, humorista e deportista pontevedrés, David Amor, converteuse esta mañá no novo padriño da Fundación Provincial Banco de Alimentos para a Gran Recollida Solidaria (GRS2018), que se celebrará os próximos 30 de novembro e 1 de decembro.

Durante un acto celebrado no almacén situado en Lavadores, Amor recibiu de mans do presidente da ONG, Pedro Pereira, o peto de voluntario, tomando así a substitución dos seus antecesores no ‘cargo’ solidario: Carlota Corredera (GRS2017), Gonzo (2016), María Castro (2015), Luis Tosar (2014) e Borja Oubiña (2013).

Tras a imposición do chaleco, Amor sinalou que asume o seu novo ‘cargo’ como embaixador do Banco de Alimentos con “gran responsabilidade” e destacou a importancia de ser un proxecto que axuda ás persoas “máis próximas”. En canto á súa antecesora, Carlota Corredera dixo que “con todo o agarimo e como bo deportista que son, espero que superemos os 325.000 quilos de alimentos recadados o ano pasado”.

Pola súa banda, o presidente do Banco de Alimentos agradeceu o compromiso de Amor e desvelou que foi outra madriña anterior, a actriz María Castro, quen fixo de pomba mensaxeira e “gran culpable” de que o novo padriño aceptase o ofrecemento de ser a imaxe da GRS2018.

Así mesmo, o xa novo embaixador do Banco de Alimentos animou á cidadanía para facerse voluntari@ regalando catro horas do seu tempo a favor das persoas máis desfavorecidas. Precisamente, a día de hoxe e, desde que arrancou a campaña, séguense necesitando uns 500 voluntarios en toda a provincia, con especial chamamento en Pontevedra, Redondela, Porriño e Moaña.

Para que a GRS2018 poida desenvolverse con éxito requírese a colaboración dunhas 2.000 persoas en Vigo e Pontevedra, así como nas comarcas do Condado-Paradanta, O Morrazo, Val Miñor, Baixo Miño, O Salnés e Deza

Para ser voluntario do Banco de Alimentos hai que cubrir un formulario colgado na web http://www.bancoalimentosvigo.org/formulario/ ou tamén pode chamarse ao 986 263 022.

Un voluntario máis o próximo día 30

O coñecido actor confirmou que o próximo 30 de novembro, durante a primeira xornada da GRS2018, será un voluntario máis e acudirá a recoller alimentos en dúas quendas de supermercados tanto en Vigo como en Pontevedra. “Levanta o cu da cadeira de brazos, deixa de protestar e axuda”, animou Amor aos cidadáns e asegurou que con “as súas mans grandes” espera poder recoller moitos quilos de solidariedade.

David Amor, natural de Salceda de Caselas e veciño de Pontevedra, é actor, humorista, presentador de televisión e xogador de balonmán. Como deportista chegou a ser subcampión olímpico xuvenil e vestiu as camisetas do Teucro, Porriño, Bueu ou Lavadores, entre outras. Unha lesión fíxolle probar sorte como modelo e a súa primeira experiencia televisiva foi no programa Supermartes de TVG. Despois chegaría a súa participación en El Club del Chiste de Antena 3, así como os seus papeis como actor en Gym Tony de Cuatro ou Augas Quentes de TVG. Gran popularidade deulle ser concursante en Tu Cara Me Suena de Antena 3 e, actualmente, é colaborador en Zapeando da Sexta.

Comprometido con distintas causas solidarias, entre as que destaca o seu apoio á Asociación Nico Contra o Cancro Infantil ou o seu activismo a favor dos animais, Amor é un inconformista coa realidade social que lle rodea e non dubida en compartilo nas súas redes sociais.

GRS2018

O obxectivo desta GRS2018 é conseguir, polo menos, a cifra récord de 325.000 quilos de alimentos logrados o ano pasado para poder abastecer de produtos básicos os dous almacéns cos que conta o Banco de Alimentos en Vigo e Pontevedra. Trátase de seguir axudando ás 25.000 persoas con dificultades ás que chega na provincia.

Os 2.000 voluntarios que serán mobilizados os próximos 30 de novembro e 1 de decembro estarán distribuídos nunhas 155 superficies comerciais adheridas á campaña. A imaxe de Amor co lema “Se protagonista” asolagará de mupis distintas rúas de Vigo e Pontevedra.

Durante 2017, a Fundación Provincial Banco de Alimentos repartiu 1,9 millóns de quilos de comida e nos seis primeiros meses deste 2018, entregáronse xa preto de 1,2 millóns de quilos de comida. A entidade apolítica e aconfesional dedica os seus esforzos para facer cumprir un dos dereitos humanos máis fundamentais: o acceso a unha alimentación suficiente, segura e saudable. Na actualidade, entrega axuda a uns 150 colectivos sociais que, á súa vez, distribúena ás persoas desfavorecidas.