Sin categoría

A Deputación aprobará o venres máis de 165.000 € para a mellora do paseo fluvial de Baredo

O deputado provincial de Cooperación, Carlos Font, informou hoxe que o goberno da Deputación de Pontevedra aprobará este próximo venres, en Xunta de Goberno, unha nova achega para o concello de Baiona, por un importe total de 167.319,48 euros. Con esta última actuación o municipio pontevedrés pecha o Plan Concellos deste ano, ao través do cal o goberno provincial destinoulle 1.582.966 euros, un 76,71 % máis que en 2017.

Co investimento que aprobará este venres o goberno de Carmela Silva o Concello de Baiona poderá financiar unha actuación de mellora no paseo fluvial de Baredo que consistirá na prolongación do paseo mediante unha pasarela de madeira que irá desde a ponte situada no lugar de Carballo da Aba ata a denominada Torre. Para esta ampliación do paseo, cunha lonxitude de 500 metros, utilizarase madeira de pino silvestre e para o tramo que transcorre baixo a ponte da estrada empregarase formigón.