Anuncios
Ticker de novas

Baiona persegue a pegada do plástico

FOTO: DAVID FONTÁN // A Escola de Vela do MRCYB organiza diversas saídas ao longo do ano para limpar praias.

Baiona acolle o vindeiro sábado 17 de novembro o “I Obradoiro de sensibilización ambiental sobre o impacto do plástico no medio mariño. Tras a pegada do plástico”, unha iniciativa impulsada polo Monte Real Club de Yates en colaboración coa Universidade de Vigo e o Concello de Baiona, na que tamén están implicadas empresas como ABANCA e Gadis.

Trátase dunha xornada educativa na que nenos do municipio de entre 7 e 18 anos poderán recoñecer as repercusións que os plásticos teñen no medio ambiente, prestando unha especial atención aos danos que ocasionan nos ecosistemas mariños, e diversas actuacións para minimizar o seu impacto.

Na actualidade só recíclase o 9 por cento do plástico que se produce, un 12 por cento é incinerado e o 79 por cento restante vai parar a vertedoiros ou directamente ao medio ambiente. Hai máis de 230.000 toneladas de residuos plásticos flotando na superficie dos distintos mares do mundo e, aínda que se está estudando cada vez máis, descoñécese aínda todo o impacto dos microplásticos que non son visibles a primeira ollada.

Para poñer luz sobre esta problemática e tratar de concienciar ás xeracións futuras, o Monte Real programou diferentes actividades en distintas localizacións do municipio.

Unha primeira parte, máis teórica, incluirá unha presentación do tema nas instalacións do club baionés. Explicarase aos máis pequenos os tipos de plásticos existentes, a súa produción, as vías de entrada dos residuos en ríos, mares e océanos, e a súa repercusión para o planeta.

Na segunda parte do obradoiro, os nenos desprazaranse ás praias da Barbeira e A Ribeira, dous dos areais máis céntricos e concorridos do municipio baionés, para participar nunha sesión práctica de identificación e recollida de residuos. O obxectivo é que poidan ser capaces de recoñecer e clasificar macroplásticos, que posteriormente depositarán en contedores de reciclaxe.

A actividade tamén incluirá a procura de microplásticos, para o que se empregarán materiais de laboratorio cedidos pola Universidade de Vigo como tamices e lupas binoculares, xa que a maior parte dos microplásticos non se observan a primeira ollada.

O “I Obradoiro de sensibilización ambiental sobre o impacto do plástico no medio mariño. Tras a pegada do plástico” finalizará nas instalacións do Monte Real Club de Yates cunha comida ecolóxica e sustentable, libre de plásticos, como exemplo de hábitos de vida saudables e respectuosos coa contorna. Nela explicarase a necesidade de cambiar as bolsas de plástico por outras reutilizables, evitar os envoltorios con filme transparente e as bandexas nas que adoitan vir os alimentos, non usar vasos, plásticos e cubertos de plástico, ou elixir botellas e envases retornables.

Con esta acción de divulgación e educación ambiental, que será impartida pola licenciada en Ciencias do Mar e investigadora sobre contaminación mariña, Noelia Estévez, o Monte Real busca concienciar aos nenos do municipio da importancia de avanzar cara a un modelo de consumo máis sustentable, reciclando os plásticos e non tirándoos en calquera lugar, incidindo nos efectos nocivos que o plástico ten para o medio ambiente.

PROGRAMA

10:00 • Sesión de aprendizaxe sobre a problemática dos plásticos
Monte Real Club de Yates
11:30 • Identificación e recollida de plásticos – macroplásticos e microplásticos-
Praias da Barbeira e A Ribeira
12:30 • Aula de identificación e caracterización de residuos
Monte Real Club de Yates
13:30 • Comida ecososustentable para todos os participantes ofrecido por Gadis
Monte Real Club de Yates
14:00 • Entrega de agasallos aos participantes
Monte Real Club de Yates

Anuncios