Anuncios
Ticker de novas

Baiona adxudica a renovación do parque da Palma por case 164.000 €

FOTO: CONCELLO DE BAIONA // Proxecto do novo parque infantil da Palma.

O alcalde de Baiona, Ángel Rodal, asinou este luns o contrato de subministración e instalación de xogos infantís e chan de seguridade no parque da Palma, adxudicado por 135.513,25 euros, máis o IVE do 21%, o que supón un total de 163.971,04 euros, á empresa Lappset España VR SL, que agora dispón de 60 días para executar os traballos, que arrancarán a próxima semana.

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acordou en sesión ordinaria de 28/07/2017 a concesión dunha subvención ao Concello de Baiona, ao amparo do Plan Concellos 2017, para o acondicionamento do parque infantil da Palma, por importe de 211.572,68 euros. O pasado mes de abril o Concello de Baiona declarou deserto o procedemento de contratación, xa que ningunha das ofertas presentadas axustábase ao prego de condicións técnicas. A Comisión de Seguimento de Plan Especial de Protección do Conxunto Histórico Artístico de Baiona esixía como premisas fundamentais a discreción cromática e a limitación en altura dos elementos que conformarían o mesmo.

O proxecto pretende unha renovación integral da área de xogos existente, cunha ampliación da súa superficie de case 100 metros cadrados, para alcanzar un máximo de 560 metros cadrados de chan continuo. A actuación consiste na retirada dos xogos actuais, a dotación para toda a superficie do parque dun novo pavimento acolchado, eliminando os dous espazos que actualmente están en terra.

Na parte central, e como núcleo principal ao redor do cal se estrutura todo o parque, colocarase un xogo consistente nunha montaxe prefabricada modular, tematizada medieval e de calidades acordes coa contorna. O equipamento será de última xeración no que a este tipo de elementos refírese. A un dos lados deste situaríase unha liña de randeeiras das mesmas características estéticas, e alén dese xogo central, outra serie de elementos menores (balancíns, carruseis, tobogáns, etc).

Tamén se aproveita a oportunidade para dotar ao parque de elementos accesibles a nenos con problemas de mobilidade ou deficiencias sensoriais, fomentando a non discriminación dos mesmos nos momentos de esparexemento, podendo gozar da mesma contorna que o resto dos nenos da súa idade. Ademais, instalaranse 6 papeleiras e 10 bancos.

O obxectivo do Concello é reformar o parque de referencia de Baiona e o Val Miñor e modernizar todas as instalacións, renovando unha zona de xogos que xa foi construída hai 25 anos e que vai quedando obsoleta en relación aos outros 15 parques dos que dispón o municipio. Ao longo das dúas últimas décadas o parque da Palma xa foi mellorado con constantes remodelacións, pero neste caso o equipo de goberno local pretende un cambio integral nunha zona máis céntrica e emblemática da Vila por tratarse das instalacións máis utilizadas.

Anuncios