Alberto Meira quere sumar unha nova vitoria na última cita da tempada

Despois dun longo camiño, que desde o pasado mes de febreiro e ao longo de nove carreiras levou a todos os equipos do campionato para percorrer as estradas de Galicia, o certame rexional de rallies 2018 afronta a próxima fin de semana a súa última parada na Ulloa; comarca situada no centro de Galicia, e que se define polo triángulo que forman tres localidades próximas ao límite provincial entre Lugo e A Coruña, como son Palas de Rei, Monterroso e Antas de Ulla.

Alberto Meira volverá competir xunto ao experimentado copiloto lucense Mario Tomé, probando esta vez unha máquina diferente ao habitual: O piloto de Vincios “aparca” momentaneamente o Mitsubishi Lancer Evo X co que acumulou infinidade de triunfos ao longo dos últimos anos, para descubrir as prestacións e condución dun vehículo da categoría N5.

A categoría N5, homologada pola Federación Española e adoptada posteriormente pola súa homónima galega, representa a materialización dunha tendencia habitual ao longo de moi diversos campionatos en todo o mundo, expondo unha alternativa económica e competitiva aos produtos FIA, como son os R5. Alberto explica que “Teño ganas de descubrir como se comporta un N5, porque teño excelentes referencias. Trátase dun vehículo que emula gran parte dos elementos habituais nun R5, como son o motor 1.6 turbo e a tracción total, aínda que con máis restricións en canto a custo e deseño. Parece que non é tan eficaz como son os R5, pero á vez resulta un coche menos caro, en adquisición e mantemento. Talvez pode ser un bo paso intermedio entre o noso Mitsubishi e os coches máis modernos, que son aos que nos estabamos enfrontando”.

O venres 16 de novembro terán lugar as verificacións e trámites previos ao comezo da verdadeira competición, que terá lugar ao longo de sábado 17, con oito tramos cronometrados e un percorrido de 266,94 quilómetros, dos cales 77 serán disputados contrarreloxo.

Para seguir o rally

VENRES 16 NOVEMBRO
Verificacións de 16:30 a 22:00
Parque de asistencia situado no recinto feiral de Melide

SÁBADO 17 NOVEMBRO
Saída do rally en Monterroso a partir das 8:00
Tramo A – “Melide-Palas” ás 9:08 e 12:44
Tramo B – “Palas-Monterroso” ás 9:38 e 13:17
Tramo C – “Castelo de Pambre” ás 17:40 e 20:23
Tramo D – “Monterroso” ás 18:13 e 20:56
Fin do rally ás 21:46 en Monterroso

Resultados en directo en… www.temposfga.eu

Anuncios