Anuncios
Ticker de novas

Así será a reforma do Mercado de Sabarís

A Deputación de Pontevedra, en Xunta de Goberno, vén de aprobar un novo investimento para o municipio de Baiona no marco da liña 1 do vixente Plan Concellos. Trátase dunha achega de 629.200 euros para levar a cabo a reforma do edificio norte do Mercado de Sabarís, edificio que ten un importante interese arquitectónico e forma parte, xunto a un inmoble anexo polo sur, dun conxunto construído a mediados do século XX. Este ano, a través do Plan Concellos, a institución provincial puxo a disposición de Baiona 1.582.966, o que supón un 76,71 % máis que no exercicio anterior.

Con esta obra que vai levar a cabo o concello de Baiona co financiamento da institución provincial reformarase o edificio para dotalo de nova vida co fin de recuperar o interese como punto de encontro para a sociedade e convertelo nun espazo comercial e social. Con este proxecto proponse crear unha praza urbana cuberta dotando ao espazo dun uso complementario ao comercial, substituíndo a venta de alimentos frescos por outros pequenos comercios con produtos locais e outras actividades de carácter social e de restauración. Coa reforma proxectada, entre outras actuacións, recuperarase a estética exterior do edificio orixinal, eliminando os engadidos recentes e abrindo grandes ocos e vidros en planta baixa que permitirán e potenciarán a conexión entre o interior e o exterior.

Anuncios