O PP de Nigrán abre as portas da súa sede para asesorar aos veciños sobre o PXOM

O Partido Popular de Nigrán, consciente da necesidade que teñen os veciños de coñecer a cualificación das súas propiedades no PXOM, presenta a iniciativa “Como queda a túa propiedade?”, a través da que lles axudarán a localizar a súa propiedade e coñecer a súa cualificación e aconsellaranlles como pode xestionar a súa suxestión en caso que necesite facela.

“O deixamento do Sr. Juan González é notoria. O equipo socialista delega as súas funcións en determinadas asociacións para que informen os veciños e fagan efectivas as suxestións presentadas, e isto suponlles un esforzo que non lles compete a eles, senón ao equipo municipal con todos os seus recursos. E así é, en todas as reunións nas que estivemos presentes así o informaban, como un tema sen importancia”, critican os populares.

“O Partido Popular escoitou a petición dos veciños de Nigrán, alega que non se trata dunha charla dunha hora o que necesitan, o que necesitan é atención persoal para coñecer cada unha das súas preocupacións, e así o faremos”.

Os populares abrirán as portas da súa sede desde mañá, día 8, ata o 22 de novembro, de luns a venres de 19:00 h a 21:00 horas. “Facemos fincapé en que non é cuestión de ideoloxía, non é soamente un chamamento aos simpatizantes do Partido Popular, é cuestión de información. Trátase das súas propiedades, do seu futuro e o dos seus fillos”, conclúen.