Sin categoría

Nigrán completará o saneamento na PO-332 aproveitando as obras de abastecemento en Parada

O Concello de Nigrán e a concesionaria Aqualia emprenderán a vindeira semana obras para completar o saneamento na PO-332 entre as parroquias de Parada e Camos aproveitando os actuais traballos de ampliación do abastecemento. As obras contan cun orzamento de 70.000 € financiados integramente pola concesionaria froito dun acordo co Concello, ao igual que o abastecemento de 350.000 euros na mesma zona.

Estes traballos de ampliación da rede de saneamento consisten en instalar 665 metros de colector de PVC de 315 mm de diámetro por debaixo da beiravía da estrada, ao que se conectarán as verteduras das vivendas situadas nas súas inmediacións e que actualmente empregan fosas sépticas.

As obras que permitirán levar o abastecemento de auga a boa parte da parroquia de Parada (barrios de Nandín, Igrexa, A Rúa, Con e A Reboreda) e a parte baixa de Camos (Castelo, A Lama e O Rial e ás vivendas situadas nas inmediacións da PO-332, rúa dos Pazos) estarán listas antes de final de ano, ao mesmo tempo que as de saneamento no tramo que faltaba. En total, máis de 500 familias veranse beneficiadas desta actuación para levar o auga e que conta cun orzamento de 350.000 euros financiados integramente pola empresa concesionaria Aqualia froito dun acordo co Concello.

A nova canalización, de máis de 5.000 metros, realizarase con conexións directas á tubaxe xeral instalada na PO-332 e, ao mesmo tempo, será necesario instalar unha bomba de impulsión que permitirá elevar a auga á parte máis alta (Nandín).

«Este goberno ten un compromiso total e absoluto por ampliar a rede de abastecemento e de saneamento a todas as parroquias e por iso traballamos firmes nesa dirección; é algo moi demandado polos veciños e que hoxe en día é básico», insiste Juan González, alcalde de Nigrán. Ademais, dáse a circunstancia de que nestas parroquias a necesidade de auga potable e saneamento vese incrementada exponencialmente polo aumento de poboación nos últimos anos, coa previsión de que siga multiplicándose.