
A finais do mes de agosto de 2017, un grupo de 19 galegos e galegas accederon ao Pazo de Meirás, titularidade da familia do ditador, para reclamar a súa devolución ao pobo de Sada. O resultado desta reivindicación pacífica e simbólica foi a interposición dunha denuncia por parte da Fundación Francisco Franco e a familia Franco. Dende Manifesto Miñor, queren apoiar a estre grupo de persoas, entre elas algunhas veciñas e veciños do Val Miñor, e expresar o seu rexeitamento ás medidas de coerción empregadas pola familia e a fundación do ditador. Por iso, presentan para o seu debate unha moción no seu apoio para o seu debate no pleno de Gondomar.
Están acusados dos delitos de violación de morada, co agravante de violencia ou intimidación, que segundo o Código Penal español está penado con prisión de 1 a 4 anos; delito contra o honor con publicidade, penado con 6 meses a 2 anos ou multa de 12 a 24 meses; danos, na modalidade agravada, penado con prisión de 1 a 3 anos e multa de 12 a 24 meses; e delito de odio, penado con prisión de 1 a 4 anos e multa de 6 a 12 meses. As penas suman, no mínimo, 3 anos e 6 meses e poderían chegar até os 13 anos de prisión para cada unha das persoas denunciadas, para alén de multa nunha cantidade indeterminada. Estamos a falar de que, para todas elas, poderían sumar até 247 anos de prisión e por volta de medio millón de euros de multa.
O Grupo Municipal de Manifesto Miñor solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción dos seguintes acordos:
- Expresar o apoio ás persoas que o pasado 30 de agosto de 2017 participaron nunha acción pacífica e simbólica de ocupación do Pazo de Meirás, co obxectivo de reclamar a intervención dos poderes públicos para recuperar un patrimonio que debe ser do pobo galego.
- Manifestar o rexeitamento a respecto da demanda interposta pola Fundación Nacional Francisco Franco, Carmen Franco Polo e José Cristóbal Martínez Bordiú Franco contra 19 demócratas que participaron na citada ocupación pacífica e simbólica, e que son acusados de delitos de odio, contra o honor, danos e violación de morada.
- Expresar a condena e rexeitamento do uso do Pazo de Meirás por parte da Fundación Nacional Francisco Franco para facer apoloxía do xenocidio fascista, da Ditadura e do Ditador, e en consecuencia demandar que se inicien accións encamiñadas á ilegalización da citada Fundación.
- Instar ao Goberno español a que inicie de xeito inmediato accións legais contra a propiedade do Pazo de Meirás, de acordo co informe histórico-xuridico elaborado a instancia da Deputación Provincial da Coruña, e acordado por unanimidade do seu Pleno, para que a administración lexitimada para facelo poida recuperar como ben público o Pazo de Meirás, roubado ao pobo galego durante o réxime xenocida franquista.