Sin categoría

Esquerda Unida Gondomar súmase á campaña pola reprobación da Coroa e a abolición da monarquía

Esquerda Unida de Gondomar súmase á campaña iniciada en toda España pola reprobación da Coroa e a abolición da monarquía. A súa idea de estado é incompatible coa existencia de privilexios reservados a unha familia, que exclúe polo tanto ao resto da poboación. “Temos unha xefatura de estado cun réxime de inviolabilidade establecido pola Constitución que afecta mesmo a feitos alleos ás accións propias do cargo, como puidemos comprobar hai pouco tempo coa negativa de PP, PSOE e Cs na mesa do Congreso a que se investigue a Juan Carlos de Borbón por indicios claros de delito. Ao mesmo tempo, o Código Penal ofrece maior protección á Casa Real que a calquera outra institución do Estado, o que impide o exercicio da liberdade de expresión”, sinalan.

“Ao rexeitamento que sentimos cara a esta forma de Estado súmaselle o papel que Felipe de Borbón exerceu no conflito catalán, cando co seu discurso contribuíu á radicalización do problema e a que unha parte da sociedade se vise excluída”.

Por todo isto, CABE (candidatura de unidade popular na que participa Esquerda Unida) vén de presentar unha moción que insta á derrogación do delito de inxurias ao Rei e a Casa real, para igualar a súa protección penal ao resto da cidadanía; a reprobar a posición de Felipe VI ante o conflito catalán e a súa xustificación da violencia policial e a poder investigar en sede parlamentaria as accións realizadas por Juan Carlos de Borbón dende a súa abdicación, xa que nese momento cesaría a súa inviolabilidade. Por último, queren instar ao Goberno a convocar o referendo que se lle escamoteou á sociedade española no seu momento para que poida decidir entre Monarquía ou República.

“Sabemos que a reprobación dende o ámbito municipal non ten efectos legais, pero pensamos que é unha ocasión para reabrir o debate sobre a blindaxe xurídica da institución monárquica defendida por determinados partidos. Tamén queremos lembrar que a II República chegou logo dunhas eleccións municipais e que é importante que a sociedade exprese os seus argumentos sobre quen está á fronte do Estado”, conclúe Nuria Andión Rodríguez, Coordinadora da Agrupación de Esquerda Unida de Gondomar.