Anuncios
Ticker de novas

A Xunta instalará novos sistemas de protección de motoristas na autoestrada do Val Miñor

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a instalar novos sistemas de protección de motoristas nas autoestradas A Coruña-Carballo (AG-55) e do Val Miñor (AG-57) co fin de reforzar a seguridade do colectivo.

A Xunta xa comezou a colocación destas barreiras na AG-55, traballos que continuarán nos vindeiros días. No caso da AG-57, tamén se instalarán este ano estes sistemas de seguridade.

Estas actuacións dan continuidade ás barreiras xa instaladas o ano pasado en varias curvas da AG-55 que suman 1.540 m e outras da AG-57 que suman 2.110 m.

Estes traballos están enmarcados nas medidas que o Goberno galego vén levando a cabo para mellorar a seguridade destes usuarios vulnerables nas autoestradas de titularidade autonómica.

Trátase de actuacións importantes para a protección dos motoristas que se suman aos cursos de condución segura ou ás campañas de concienciación para sensibilizar da relevancia de cumprir as normas de circulación e extremar as precaucións para previr sinistros.

A seguridade viaria é unha prioridade para o Goberno galego, tal como amosan os Orzamentos do ano 2019, que reservan partidas de preto de 75 millóns de euros para actuacións relacionadas con este fin.

Anuncios