Anuncios
Ticker de novas

A Xunta activa a alerta laranxa por temporal costeiro en todo o litoral galego

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta vén de activar a alerta laranxa por un temporal costeiro que comezará mañá e que afectará o litoral de toda a comunidade.

Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), a partir das 14:00 horas de mañá espéranse ventos do suroeste, con forza 8 a intervalos. Na costa do noroeste e oeste da Coruña poderán acadar a forza 9 ocasionalmente, con mar combinada do oeste de 5 a 6 metros.

Cómpre lembrar que, ademais, hoxe está activa alerta amarela por chuvias en varias zonas das provincias da Coruña e Lugo, e que mañá tamén estará activo o aviso amarelo por vento e chuvias en gran parte da comunidade autónoma, polo que se recomenda extremar as precaucións.

A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes, paseos marítimos. Tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

Ademais, aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.

Anuncios