Esther Muñiz imparte formación técnica aos xogadores e xogadoras do CB Nigrán

Os xogadores e xogadoras de categoría infantil do CB Nigrán participaron hoxe nunha sesión de tecnificación organizada polo club e dirixida por Esther Muñiz, adestradora do BBCA de Ferrol. Na sesión estiveron presentes tamén Nuria Gómez, directora deportiva do CB Nigrán, e Paco Termenón, adestrador do club.

Un total de 17 xogadores e xogadoras que durante hora e media traballaron en pista para perfeccionar cinco conceptos: paradas nun tempo tras bote, saídas abertas, traballo de bote lateral e a distintas alturas, disociación de pés e mans no bote de balón, e en canto a defensa como utilizar as mans e posicionar o corpo.

O CB Nigrán considera fundamental este tipo de iniciativas como complemento á formación dos seus xogadores e xogadoras e está a traballar xa na organización de máis sesións de tecnificación en diferentes categorías con novos conceptos ofensivos e defensivos.