O grupo de voluntarios e voluntarias que vén colaborando durante os últimos tres anos no reparto de alimentos organizado pola Concellería de Benestar Social, diante das desafortunadas declaracións do Alcalde, Paco Ferreira, desexa poñer en coñecemento da veciñanza o seguinte:
1º) O señor Alcalde en ningún momento nos convocou a unha xuntanza para informarnos e facernos partícipes de como se ía desenvolver, a partir de agora, o reparto de alimentos. É máis, coñecemos a través da prensa que o novo concelleiro responsable da área de Servizos Sociais era o propio Paco Ferreira.
2º) Este grupo de voluntarios e voluntarias, formado por veciñas e veciños de Gondomar, participamos sempre dende o respecto e o compromiso coas persoas en situación de emerxencia social. En ningún caso entendemos este labor voluntario nun sentido partidista, nin para sacar proveito de ningunha clase. Como xa dixemos, somos veciñas e veciños de Gondomar, cada unha coas nosas preocupacións sociais e a nosa ideoloxía política.
3º) Supoñemos que o feito de non se ter reunido con nós, así como as súas declaracións públicas, supoñen a súa intención de non querer seguir traballando con este grupo de voluntarias e voluntarios. Xa que logo, agardamos que a nova etapa que se abre na concellería de Benestar Social non supoña un retroceso na calidade do reparto de alimentos.
4º) Lamentamos que se teña utilizado o reparto de alimentos, unha cuestión tan sensible e importante para moitas familias de Gondomar, de maneira partidista por parte do Alcalde. Entendemos que estas declaracións só contribúen a desprestixiar o traballo da anterior concelleira.
5º) Por último, queremos expresar o noso agradecemento a Rocío Cambra, concelleira de Benestar Social ata o mes pasado, o seu rigoroso e responsable traballo no reparto de alimentos, onde participaba como unha voluntaria máis.

