Gondomar Concello Aberto denuncia o estado de abandono do Punto Limpo

O pasado mes de agosto, a empresa Soil Recovery, parte do Grupo Soil, anunciaba que entraba en concurso de acredores e deixaba de prestar o servizo de xestión do Punto Limpo en Gondomar. A principios de setembro, o alcalde anunciaba na prensa que baleiraría as instalacións con recursos propios “ante a urxencia de deixalas listas para a entrada en servizo da nova concesionaria”.

“Case tres meses pasaron dende a notificación da empresa, e estando xa aprobada a adxudicación do novo servizo a FCC-Ingeser, o goberno municipal mantén as instalacións nun estado deplorable, de abandono e saturación. Mesmo hai residuos fóra do recinto, con todo o que isto leva estando o Punto Limpo nun espazo forestal”, sinala Jimena Varela.

O artigo 18 da Lei 22/2011, de 28 de xullo, de residuos e solos contaminados, obriga a manter os residuos almacenados en condicións adecuadas de hixiene e seguridade, así como establece sancións en caso de incumprimento. Dende Gondomar Concello Aberto esixen ao goberno municipal que dea unha solución inmediata ao estado de abandono do Punto Limpo, ou no caso contrario procederán a formular a correspondente denuncia ante o organismo competente.

2