Anuncios
Ticker de novas

Cae parte do teito do vestiario de homes da Piscina Mancomunada

A media mañá de hoxe, 31 de outubro, derrubouse parte do teito do vestiario masculino da Piscina Mancomunada do Val Miñor. O fragmento de teito, de aproximadamente un metro cadrado, caeu sobre a zona de acceso ás duchas. Por sorte o derrube tivo lugar nun momento no que o vestiario non estaba moi transitado e ningún dos usuarios presentes resultou ferido.

A policía acudiu ás instalacións a petición dun usuario e levantou parte. O vestiario quedou pechado ao público.

A deterioración desta zona, que resultara danada hai anos tras un temporal, foi denunciada no seu momento por varios usuarios ante o anterior director, Ignacio Patiño.

“Lembremos que a instalación estivo pechada durante todo o mes de agosto supostamente para realizar unha “reforma integral”. Os tres alcaldes miñoranos deron o seu visto e prace ás obras cunha rolda de prensa na que puidemos velos riseiras subidos ás tres únicas elípticas que había dispoñibles na instalación”, sinala a Plataforma de Usuarios da Piscina Mancomunada do Val Miñor.

“A realidade é que a data de hoxe a instalación segue presentando numerosas e graves deficiencias, como son a auga fría nas duchas, a falta de numerosas máquinas -moitas delas propiedade da Mancomunidade- e incontables problemas provocados pola falta de mantemento dunha instalación que leva xestionando o grupo Serviocio- Be One desde que abriu as súas portas en 2001, sen que os alcaldes de Baiona, Nigrán e Gondomar fosen capaces de solucionar esta situación. O suceso de hoxe é unha proba máis de todo o que vimos denunciando desde hai tempo os usuarios”, conclúen desde a Plataforma.

Anuncios