Asemblea Veciñal por un Transporte Digno para Gondomar denuncia que as liñas de Melytour (xa por si mesmas deficientes) teñen actualmente unha inestabilidade que mingua o seu posible uso, pois os usuarios vénse na incerteza cando non saben se o bus que esperan vai pasar ou non, se chegarán ao traballo, se poderán ir a tempo á cita médica no hospital, ou a que hora estarán de regreso na casa.
“Esta empresa, a cal responde en beneficio dunha concesión que remata no 2020 teima en xogar co servizo en vontade dos intereses privados da mesma, encarecendo as rutas e mudando as frecuencias coa desculpa das eventualidades. Negámonos a que Gondomar sexa o concello co transporte máis caro da contorna por máis tempo”.
Para o colectivo, analizando a reunión mantida o martes na Delegación da Xunta, nun intercambio de acusacións entre o delegado e o alcalde diante da Asemblea, quedou en evidencia que as razóns que impiden a resolución das deficiencias son de carácter político, sen importarlle as consecuencias tan negativas que están a ter as súas accións, tanto para a mobilidade como para as economías familiares da veciñanza.
En canto ás declaracións do PP de Gondomar, quen consideran está facendo a súa precampaña electoral, desmarcándose do problema do transporte en Gondomar, evitando responsabilidades sobre a actual situación, “cando é o propio Partido Popular quen ten neste caso e desde a Xunta de Galicia a chave para a resolución da mesma. Desde aquí só temos unha certeza: as rifas entre o PP e o PSOE en Gondomar veñen a resumir unha incompetencia manifesta duns e doutros. Namentres, nós seguimos nas mesmas: servizos cada vez máis precarios, froito das súas xestións”.
Desde a Asemblea Veciñal por un Transporte Digno animan a todas aquelas persoas que sufran destas deficiencias (impuntualidades, inexistencia de buses na hora marcada, etc.) a solicitar a FOLLA DE RECLAMACIÓNS, e cos datos que teñan (hai canto esperan na parada, a que hora tiña que ter pasado o bus…) DENUNCIAR a través da Asemblea.
É moi importante gardar os tickets dos devanditos billetes de bus, para datar a irregularidade; ter unha copia das denuncias, e así saber hora e liña na que se produciu a mesma; e pedir SEMPRE a folla de reclamacións, posto que o/a traballador/a ten a obriga de facilitar tal documento. De non ser así, pódese denunciar á policía local do municipio onde nos atopemos e o autobús debe agardar polo pasaxeiro na realización.

