A mellora da Avda. Urbana de Sabarís incluirá a instalación de cinco marquesiñas

O presidente e vicepresidente da Asociación de Veciños Castro e Ladeira mantiveron unha reunión na Deputación de Pontevedra co fin de coñecer o proxecto da Avda. Urbana de Sabarís, que a entidade provincial realizará a través do Plan DepoRemse por valor de 341.319,18 euros, dos que a Deputación achega 290.121 e 51.197 o Concello, e que permitirá mellorar a mobilidade e seguridade viaria.

“Solicitámolo por rexistro no Concello o 21 de setembro e como incumpren a Lei de Transparencia… Agradecemos á Deputación a información cedida e ao Concello pola mellora que vai levar a cabo nesta Avda., máis vale tarde que nunca. Referímonos ás marquesiñas tan demandadas e que solicitamos no Concello o 27/05/2014 con número de rexistro 3.920”, sinala Martín Otero.

O proxecto de mellora da mobilidade e seguridade viaria na Avda. Urbana de Sabarís contempla a adaptación dos pasos de peóns, tamén os sobre elevados, á normativa de accesibilidade, así como a incorporación dun novo, e o reforzo de iluminación en pasos peonís e a mellora da iluminación xeral da vía cambiando luminarias e lámpadas dos puntos de luz existentes por outras de tecnoloxía LED de maior rendemento e menor consumo.

Así mesmo levarase a cabo a rehabilitación xeral do firme ante o seu actual estado de deterioración e incorporaranse cinco marquesiñas nas paradas de autobús existentes no tramo obxecto do proxecto, circunstancia que mellora o uso do transporte público. Tamén se realizará a sinalización completa do tramo contemplado, corrixindo e simplificando sinais que actualmente poden causar confusión. Esta circunstancia mellora a seguridade viaria.

PROXECTO AVDA. URBANA DE SABARÍS

Anuncios